Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Carmen Veiga: "A biorrefinaría é unha nova forma de entender o tratamento das augas"



REBECA SANTOME SEIJAS · PUBLICADO O 14 DE NOVEMBRO DE 2025 · (0)




As súas investigacións abordan a biotecnoloxía ambiental, en particular, o tratamento de augas para eliminar residuos mediante biorrefinaría. En que consiste este proceso?

A biorrefinaría é unha tecnoloxía que nos permite transformar os residuos presentes nas augas residuais en recursos útiles. En lugar de limitarse a eliminar a contaminación, o proceso aproveita a materia orgánica que conteñen estas augas para xerar produtos de valor engadido, como biogás, biopolímeros (plásticos biodegradables), e outros compostos químicos que poden empregarse nos procesos industriais.

Para isto, utilizamos microorganismos, como bacterias, que degradan e transforman os contaminantes. Así, o tratamento de augas convértese nun proceso de recuperación de recursos, contribuíndo a unha economía circular e sostible. A biorrefinaría é unha nova forma de entender o tratamento de augas, non só como un sistema de depuración, senón como unha ferramenta para valorizar residuos e reducir o impacto ambiental.

Cales son os principais contaminantes que se atopan nas augas galegas?

Hai distintos tipos de contaminantes que varían segundo a zona e a actividade humana próxima. Os máis habituais son nutrientes en exceso, como o nitróxeno e o fósforo, que proceden sobre todo de fertilizantes agrícolas e de augas residuais urbanas. Estes compostos afectan á fauna e flora acuática ao reducir o osíxeno dispoñible na auga. En determinadas zonas poden aparecer hidrocarburos ou metais pesados debido ás actividades industriais e portuarias, pero a súa presenza é hoxe moito menor grazas ás melloras no control ambiental e nos sistemas de depuración.

Hai algún que preocupe en maior medida?

Os contaminantes emerxentes como os microplásticos e os restos de medicamentos, cosméticos ou produtos de limpeza son algúns dos principais retos ambientais actuais. Estes compostos chegan ás augas a través do uso cotián e non se eliminan completamente nas depuradoras. Así vanse acumulando nos ecosistemas acuáticos. A súa presenza preocupa especialmente porque son persistentes, difíciles de degradar e o seu impacto a longo prazo na nosa saúde e no medio ambiente aínda se está a investigar.

Pódese previr dalgún xeito esta contaminación?

Si. Deberiamos actuar na orixe, reducindo o uso destes produtos residuais e promovendo alternativas máis sostibles tanto na industria como nos fogares. Hai que evitar, por exemplo, verter medicamentos polo fregadeiro ou polo inodoro; e fomentar hábitos de consumo responsables. Tamén é importante mellorar os sistemas de depuración con tecnoloxías avanzadas como biorrefinarías, oxidación avanzada ou filtros especializados que permitan eliminar ou degradar estes residuos. E, por suposto, é esencial o control e a regulación ambiental para incentivar procesos industriais máis limpos. Aínda que non se pode eliminar por completo a presenza destes contaminantes, esta combinación de boas prácticas, tecnoloxías melloradas e educación ambiental permitiríanos reducir o seu impacto.

Co cambio climático e o crecemento demográfico cada vez atópanse máis substancias residuais na auga. Como garantimos a dispoñibilidade da mesma nos vindeiros anos?

Nos próximos anos vai ser fundamental xestionar mellor os recursos hídricos, evitar os desperdicios e optimizar o uso da auga na agricultura, na industria e no consumo de cada fogar. Tamén se deberían mellorar os sistemas de tratamento e depuración para facer fronte ao aumentos destas substancias residuais. É esencial unha regulación efectiva que evite que os residuos cheguen ao medio. Penso que a planificación a longo prazo e a adaptación ao cambio climático, combinadas coa investigación e a innovación tecnolóxica, permitirannos garantir que a auga siga dispoñible, e que tamén sexa de calidade e sostible para as xeracións futuras.

A que se debe o funcionamento deficiente dalgunhas plantas de tratamento de augas da nosa comunidade?

Moitas instalacións son antigas e non se actualizaron para facer fronte ao crecemento da poboación, tamén afecta o aumento de contaminantes nas augas residuais. Ademais, ás veces hai deficiencias no seu mantemento, falta de persoal cualificado ou recursos insuficientes para garantir o seu correcto funcionamento. Tamén inflúen factores como os vertidos ilegais ou a sobrecarga das redes de saneamento durante os episodios de choiva intensa.

E esa xestión, entendo, ten os seus custos económicos.

Si, necesítase inversión, planificación e unha xestión adecuada para que as plantas cumpran o seu obxectivo de protexer os ecosistemas e a saúde pública. Algunhas instalacións, especialmente as máis recentes e complexas, son excesivamente custosas de operar, e noutros casos os concellos agardan a que administracións superiores asuman a inversión para renovalas ou modernizalas.

Esas inversións foron realizadas?

Xa se construíron novas EDAR e renováronse as existentes, e a Xunta ofreceu aos concellos a posibilidade de delegar a explotación das plantas en Augas de Galicia. Pódese observar unha clara tendencia de mellora. Na actualidade tamén hai moitos concellos que realizan unha boa ou aceptable xestión das súas EDAR, e noutros estanse tomando medidas para avanzar cara a unha maior calidade do servizo.

Hai unhas semanas coñecíase que o planeta chegaba ao punto de non-retorno climático. Pode a biorrefinaría de augas lograr retardar, na súa medida, esta situación?  

Si, o cambio climático está a avanzar a un ritmo acelerado. A biorrefinaría das augas, aínda que non pode deter o cambio climático por si soa, pode contribuír a retardalo. Ao transformar os residuos presentes nas augas residuais en produtos útiles como biogás, biohidróxeno ou compostos químicos, ao mesmo tempo que se depura a auga, este proceso permítenos recuperar recursos, reducir emisións de gases de efecto invernadoiro e pechar ciclos de materia e enerxía, promovendo unha economía máis circular e sostible. A biorrefinaría non é unha solución milagrosa ao cambio climático, pero representa unha ferramenta innovadora e efectiva dentro do conxunto de medidas necesarias para reducir o impacto ambiental e xestionar os recursos de forma máis responsable.

Cales son os custos económicos da recuperación de recursos renovables a partir das augas residuais?

Este proceso implica investimentos en equipos, mantemento, enerxía e persoal cualificado. Non obstante, estes custos poden compensarse parcialmente co valor dos produtos recuperados, como biogás, biopolímeros ou compostos químicos útiles que poden empregarse na propia planta ou noutros procesos industriais. Ademais, esta recuperación contribúe a reducir a contaminación e a mellorar a eficiencia no uso dos recursos, xerando un beneficio ambiental e económico a longo prazo e facendo que o proceso sexa máis sostible tanto para as depuradoras como para a sociedade.

Converter a auga residual en auga potable será posible nos próximos anos en Galicia?

En países como Singapur, entre outros, xa se produce auga reutilizada de alta calidade apta para consumo humano, o que demostra que a tecnoloxía é viable. Persoalmente, non creo que isto se poida implementar de forma xeneralizada en Galicia nos próximos anos. Aínda que os procesos existen, requiren investimentos elevados, adaptación das redes de abastecemento, tratamentos moi avanzados e un control rigoroso, polo que na práctica probablemente quede restrinxido a experiencias concretas ou a usos non potables durante un tempo.

(Extracto da entrevista publicada no número 414 – novembro 2025)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)