Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Federico Martinón: "Galicia pode e debe ser un polo de innovación biomédica europeo"



REBECA SANTOME SEIJAS · PUBLICADO O 12 DE DECEMBRO DE 2025 · (0)




Pediatra e investigador de referencia internacional nas áreas de infectoloxía, vacinas e xenética, o Dr. Federico Martinón Torres (Ourense, 1971) lidera desde Galicia proxectos pioneiros como Sensoxenoma, así como grandes ensaios clínicos que están a transformar a prevención de distintas enfermidades. Nesta conversa en ECO, o investigador reflexiona sobre os desafíos da investigación biosanitaria en Galicia, nun contexto marcado pola descentralización dos estudos de Medicina. E todo isto, arredor dunha idea central: a paixón e a honestidade dende a que traballa.

Como xorde a idea de "Sensoxenoma"?

Sensoxenoma é un proxecto pioneiro impulsado desde o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), en colaboración con múltiples entidades, institucións e asociacións de doentes, que quere estudar con rigor científico as bases moleculares da música na saúde e na enfermidade. En concreto, investigamos a influencia do estímulo musical na expresión dos nosos xenes. Deste xeito poderíanse abrir novas vías de tratamento complementarias ás abordaxes tradicionais.

Cales foron os achados do último concerto?

As mostras obtidas no último concerto serán analizadas proximamente, pero xa publicamos máis dunha ducia de traballos con mostras de edicións anteriores. Neles demostramos que a música modifica a expresión dos nosos xenes, e que o grao de modificación é maior en persoas con trastornos neurodexenerativos, como o alzhéimer, ou no contexto do trastorno do espectro autista.

Pódese afirmar, entón, que a música é capaz de modular o avance de enfermidades como o alzhéimer?

É moi pronto para afirmalo. O que sabemos é que o número de xenes que se expresan diferencialmente despois do estímulo musical é máis do dobre en persoas con alzhéimer ca en persoas sas, e que a dirección destes cambios parece compensar algunhas das respostas xeneticamente defectuosas propias da enfermidade. Pero isto é só o principio: de momento só medimos o efecto agudo, e non sabemos se estes cambios persisten no tempo ou se traducen nun beneficio clínico obxectivo.

O certo é que isto abre unha nova vía de pensamento e pode axudar a identificar rutas biolóxicas que se activan coa música e que, no futuro, poderían empregarse terapeuticamente, xa sexa mediante música ou mediante fármacos dirixidos a eses mesmos camiños moleculares.

En resumo: a música actúa como modulador biolóxico —non só emocional— en persoas con demencia ou TEA, modificando xenes, proteínas e microbiota. É unha vía prometedora e complementaria, pero non substitutiva dos tratamentos convencionais. A exploración continúa.

Logo dos bos resultados obtidos co ensaio clínico Galflu, este ano ampliáronse as doses de alta carga aos maiores de 70 anos. Cal é o obxectivo a acadar?

GALFLU foi un ensaio clínico pragmático único no mundo, realizado en Galicia con máis de 140.000 persoas de 65–79 anos. Demostramos, e publicamos recentemente no New England Journal of Medicine, que a vacina da gripe de alta dose é máis eficaz que a convencional para previr hospitalizacións e complicacións graves nese tramo de idade. En paralelo, os datos de FLUNITY-HD, no que Galicia tamén participou, publicados en The Lancet, reforzan esta evidencia.

Cal é a tradución práctica para Galicia?

Cando analizamos o impacto poboacional, observamos que é preciso vacinar arredor de 500 persoas maiores cunha vacina de alta dose, en lugar da dose estándar, para evitar un ingreso hospitalario por calquera causa durante unha tempada gripal. Vista illadamente pode parecer unha cifra elevada, pero nunha comunidade cunhas coberturas vacinais tan altas, isto supón centos de hospitalizacións evitadas, miles de días de cama liberados e moito sufrimento prevido.

En resumo: non se trata só de cambiar unha vacina por outra “mellor”, senón de aplicar a mellor evidencia dispoñible —a de GALFLU no NEJM e a de FLUNITY-HD en The Lancet— para reorganizar de forma intelixente a prevención da gripe en Galicia e conseguir un retorno real en saúde e en eficiencia do sistema sanitario.

No futuro haberá formas máis sinxelas de vacinarse? É unha utopía pensar que haberá vacinas para todo?

De feito, si. Trabállase en vacinas combinadas que permitan protexer fronte a múltiples enfermidades nun único acto. Tamén en novas vías de administración —intranasais, orais, transdérmicas— que faciliten a inmunización sen necesidade de inxección.

En canto ao alcance, seguramente non existirá unha vacina para todo, pero cada ano sumamos novos éxitos: hoxe temos vacinas fronte ao cancro de cérvix, fronte a virus respiratorios como o VRS ou fronte a bacterias que provocan pneumonías. O que parecía ciencia ficción hai unhas décadas hoxe é realidade. A carreira continúa, e o maior desafío será garantir que esas vacinas cheguen a todas as persoas que as necesitan.

Galicia é unha das comunidades con maior taxa de vacinación. Que lle di este dato?

É un motivo de orgullo colectivo. Significa confianza da cidadanía, compromiso dos profesionais e unha aposta clara pola prevención. Galicia entendeu que vacinarse non é só un acto individual, senón unha responsabilidade comunitaria. Ese espírito explica que sexamos referentes internacionais en programas de vacinación. Os galegos somos, sen dúbida, dos mellores cando se trata de compromiso coas vacinas e coa investigación.

En que outras liñas de investigación traballa o seu equipo?

Estamos implicados en múltiples proxectos internacionais: desde a loita contra enfermidades febrís infantís mediante ferramentas de medicina de precisión (DIAMONDS), ata grandes ensaios de vacinas fronte á gripe, o virus respiratorio sincitial, a COVID ou o meningococo. O estudo SINCIGAL (www.sincigal.gal), actualmente en desenvolvemento, segue a mesma filosofía que GALFLU, pero aplicado á vacina fronte ao VRS, o mesmo virus que xa conseguimos controlar en lactantes grazas á inmunización e que tamén é causa de mortalidade en persoas maiores. Esperamos que a poboación galega participe masivamente no estudo SINCIGAL.

Galicia é un bo lugar para investigar?

Sen dúbida. Contamos con profesionais de enorme talento, hospitais e universidades de primeiro nivel e unha poboación moi implicada. O que precisamos é estabilidade e investimento sostido, para non depender de proxectos illados ou de esforzos individuais. E recursos hainos. Por exemplo, o diñeiro que se gastaría en crear dúas facultades máis de Medicina —que non fan falta— podería investirse en investigación, que si é útil e beneficia a toda a sociedade galega. Galicia pode e debe ser un polo de innovación biomédica europeo. Iso si: nada de “café para todos”, porque iso é autodestrutivo.

Cal considera que é o maior desafío na Pediatría e na investigación?

Reorganizar a atención pediátrica segundo a demografía e as necesidades actuais, centralizar as subespecialidades en centros únicos de referencia e afastarse das presións populistas. Estes cambios deben ser técnicos, non asemblearios.

(Extracto da entrevista publicada no número 415 – decembro 2025)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)