Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Xosé-Lois Armada: "Nun instituto de investigación a captación de recursos é un reto constante"



REBECA SANTOME SEIJAS · PUBLICADO O 16 DE DECEMBRO DE 2025 · (0)




Con máis de 90 profesionais de disciplinas que van dende a arqueoloxía ata a neurociencia, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) inicia unha nova etapa baixo a dirección de Xosé-Lois Armada (Cariño, 1977). O seu obxectivo é consolidar o centro como un referente internacional na investigación do patrimonio cultural. Nesta entrevista, o científico debulla as liñas mestras deste novo camiño e os desafíos aos que se enfronta o Instituto, como a captación de recursos ou a preservación e a transmisión do noso patrimonio ás xeracións vindeiras.

Cales son os seus obxectivos como novo director?

Consolidar o INCIPIT como un instituto de referencia internacional en investigacións sobre patrimonio cultural, con capacidade para xerar coñecemento excelente e socialmente relevante mantendo uns bos estándares de benestar no noso cadro de persoal. Para iso temos que reforzar a nosa natureza interdisciplinar e consolidar as cinco infraestruturas científico-técnicas, que son aspectos distintivos do INCIPIT. E tamén seguir medrando en ámbitos nos que xa temos un prestixio recoñecido, como a transferencia, a comunicación, a formación ou a ciencia participativa.

Cal é o cadro de persoal do Instituto?

O Instituto conta cun único grupo de investigación. Actualmente está composto por algo máis de 90 persoas. A arqueoloxía é a disciplina mellor representada. Isto está relacionado coas orixes do Instituto –que nace a partir dun grupo de investigación arqueolóxica­–pero tamén pola forte vinculación que este saber ten co patrimonio cultural. Tamén contamos con especialistas en antropoloxía, arquitectura, astrofísica, bioloxía, computación, conservación e restauración, edafoloxía, historia, historia da arte, neurociencia ou xeografía. Temos intención de reforzar todas estas disciplinas.

Recentemente presentaron a instalación "Arqueoloxía da festa". O son tamén é unha ferramenta arqueolóxica?

O son é tanto unha ferramenta como un obxecto de estudo arqueolóxico. Esta proposta amosa ademais o potencial do son á hora de combinar ciencia, arte e novas formas de produción e transmisión do coñecemento. Amosa as capas temporais ocultas dun campo da festa abandonado, concretamente o de Portomouro (Val do Dubra).

Na montaxe, que puido visitarse na Cidade da Cultura, ten protagonismo un bucle de vídeo que mestura imaxes e sons obtidos durante este proceso de investigación con outros máis experimentais ou creativos.

Este verán estiveron traballando no conxunto megalítico de Pedra da Xesta, en Boiro, no proxecto Milestone. Cales foron os resultados das mostras recollidas nas escavacións?

As mostras aínda están sendo procesadas e analizadas para determinar as súas propiedades físico-químicas e a súa composición molecular. Nestes momentos os traballos están realizándose no Laboratorio de Arqueometría Patrimonial do INCIPIT e noutros externos. Este proxecto está orientado a reconstruír esa paisaxe antiga e achegará moita información sobre a paisaxe megalítica do Barbanza que, ó mesmo tempo, será relevante para afrontar cuestións a debate nos estudos sobre a Prehistoria recente.

Cre que están socialmente infravaloradas áreas do coñecemento como a arqueoloxía ou a antropoloxía?

Seguramente non existe a suficiente consciencia –e isto é tamén un fallo noso– do papel que poden desempeñar estas disciplinas para afrontar os cruciais retos do presente: a crise climática, os fenómenos migratorios, a explotación sostible dos recursos, a construción de sociedades máis democráticas e inclusivas... son cuestións que requiren a perspectiva contextualizada e de longa duración que achegan estas disciplinas. A consolidación académica destas disciplinas contribuíu á súa revaloración social, pero aínda que queda camiño por percorrer.

Cales son as vías de financiamento actuais do Instituto?

A vía principal son convocatorias públicas competitivas, nas que obtemos financiamento sobre todo para proxectos de investigación e contratación de persoal. Nestes momentos contamos, por exemplo, con dous proxectos activos do European Research Council (ERC) e cunha Doctoral Network financiada tamén pola Comisión Europea. Tamén cómpre mencionar os convenios e contratos de investigación, como o que temos coa Royal Commission for AlUla (Arabia Saudí) cun presuposto de varios millóns de euros. E por suposto contamos co financiamento do propio CSIC, que asume as nóminas do persoal funcionario. Nun instituto de investigación a captación de recursos é un reto constante.

Como aseguramos a conservación do noso patrimonio cultural e a súa transmisión ás xeracións vindeiras?

O patrimonio cultural é unha realidade moi ampla, así que as fórmulas varían segundo os casos. Podemos definir unha constante: a implicación das comunidades locais. As persoas que viven no entorno dos bens patrimoniais, que interactúan con eles a diario, son idealmente os mellores activos na súa conservación e transmisión ás xeracións vindeiras. É importante promover a súa implicación nos procesos de produción de coñecemento e no deseño de políticas públicas. Isto require tamén unha interacción e diálogo fluído entre os diversos axentes.

Ademais do INCIPIT, desenvolveu o seu traballo en universidades de Inglaterra. Que diferenzas observou?

No caso do Reino Unido, que é o que mellor coñezo, dispoñen en moitas ocasións de máis recursos e dunha maior flexibilidade para xestionalos. Tamén contan con boas iniciativas para favorecer a participación cidadá, un ámbito no que atesouran unha traxectoria máis longa que a nosa, que está marcada por 40 anos de ditadura. Por sinalar outro aspecto salientable, a actual condición de lingua franca do inglés outórgalles tamén unha vantaxe á hora de achegar os seus contidos e iniciativas a públicos moi amplos e globalizados.

Cales son os desafíos do Instituto para os próximos anos?

Manter e incrementar as nosas capacidades en tempos de previsible contracción dos recursos destinados á investigación. Tamén defender a relevancia social do coñecemento racional que producimos nun contexto de crecente polarización e simplificación discursiva. Isto implica preservar a nosa singularidade como instituto, reforzar a nosa capacidade de innovar, e tamén incrementar a nosa capacidade de resposta ás demandas da sociedade. Por fortuna, creo que afrontamos estes retos partindo duns alicerces moi sólidos e cun equipo humano excepcional.

(Entrevista publicada no número 415 – decembro 2025)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)