Roberto Pena Puentes: "Galicia é un territorio de referencia pola riqueza patrimonial da súa arte rupestre"
Entre as montañas de Campo Lameiro atópase un dos espazos patrimoniais máis singulares do país: o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR). Nun momento no que este concello se consolida como destino de turismo rural, o Parque vive unha etapa de crecemento que integra investigación, conservación, innovación tecnolóxica e dinamización cultural. Roberto Pena Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, repasa o alcance deste impulso, os retos de futuro e a vocación do PAAR por inserir Galicia nunha rede atlántica patrimonial.
O PAAR leva 14 anos en actividade. Cales foron os cambios máis significativos neste tempo?
Pois o cambio mais significativo foi a súa integración como dinamizador cultural e participante activo das actividades dun concello como Campo Lameiro, elixido no ano 2023 como Capital do Turismo Rural de España e unha referencia a nivel internacional na arte rupestre.
Esa distinción favoreceu as cifras de visitantes do PAAR?
Moito, ese ano conseguimos reivindicar Campo Lameiro e a súa contorna como unha das áreas arqueolóxicas máis interesantes de Galicia para visitar. Notamos unha maior afluencia, que veu acompañada de actividades moi interesantes, como a potenciación do festival de recreación prehistórica Laeros. Ao final do verán superáramos en máis de mil persoas a cifra de visitantes completa do ano anterior.
Cal é o perfil dos visitantes?
Hai un perfil moi importante que é o público escolar. O PAAR é un lugar de referencia para centros de primaria e secundaria que están a estudar a Prehistoria e a arte rupestre nos seus temarios, e que aproveitan os diferentes obradoiros e visitas que ofrece o departamento de Didáctica do Parque Arqueolóxico para que o alumnado o poida experimentar en primeira persoa.
Tamén contamos cun importante público familiar, que aproveita as actividades dirixidas a este público nas súas saídas de fin de semana; e non menos importante son as parellas e grupos de amigos interesados na arqueoloxía, especialmente internacional. Ao PAAR chega xente de toda Europa que xa visitou e coñece lugares similares declarados Patrimonio Mundial, como Val Camonica ou Foz Côa.
Cal é o inventario de petróglifos actual?
Aínda que temos sinalizadas unha ducia de estacións, hai moitas máis. No recinto e contorna atopáronse máis dun cento de petróglifos, pero á hora de mellorar as condicións da visita destacáronse os máis interesantes e de fácil acceso e visualización.
Organizan o Festival Laeros, o Petrofest, xornadas de gastronomía... Considera o Parque un espazo dinamizador da nosa cultura?
Vendo o éxito crecente de calquera actividade levada a cabo no PAAR, xa sexa científica, educativa, cultural ou simplemente recreativa cun transfondo cultural, é evidente que se está a converter nun referente e motor cultural.
Hai uns meses, o Parque celebrou un encontro con especialistas en arte rupestre procedentes de Irlanda, Escocia e Portugal. Que conexión gardan estes países?
A arte rupestre atlántica representou e representa un patrimonio compartido que conecta Galicia, Portugal, Francia e as Illas Británicas a través de expresións culturais e simbólicas comúns da Prehistoria: círculos concéntricos, coviñas, combinacións xeométricas... especialmente na Idade do Bronce. Estas relacións entre investigadores veñen de vello. De feito, Florentino López Cuevillas, entre outros, falaba continuamente da “irmandade atlántica” no eido da investigación do patrimonio cultural.
Na actualidade, a traxectoria de estudo e colaboración mantense viva grazas a investigadoras presentes no evento cunha perspectiva internacional, entre elas Joana Valdez-Tullett, destacada defensora da conexión internacional da arte rupestre atlántica.
Tamén presentaron RUPESTR3D, un proxecto de fotogrametría para a documentación da arte rupestre. En que consiste?
É un proxecto piloto impulsado por investigadores da USC que aplica fotogrametría 3D aos petróglifos de Campo Lameiro. A partir de series fotográficas calibradas xéranse modelos dixitais de alta resolución que permiten ler microdetalles non perceptibles a simple vista, monitorizar a erosión e os cambios no tempo, crear réplicas virtuais e recursos para museografía e dispoñer dun arquivo técnico sólido para investigación, conservación preventiva e difusión. Trátase dun modelo estandarizable para toda Galicia, que pode combinarse con voos de dron para ampliar cobertura e precisión.
Que lugar ocupa Galicia neste campo?
Galicia é, sen dúbida, un territorio de referencia pola riqueza patrimonial da súa arte rupestre e polo seu liderado en investigación, conservación e difusión, así como pola calidade e densidade dos seus sitios arqueolóxicos rupestres. Cómpre salientar tamén a presenza de colectivos moi activos na defensa e no avance do coñecemento deste patrimonio.
Cales son os principais desafíos na preservación patrimonial?
Para seguir medrando, é esencial colaborar con outras entidades e participar en redes internacionais que fortalezan a todas as partes. O obxectivo é compartir coñecemento, crear estándares comúns e impulsar proxectos conxuntos.
Os principais retos son a conservación fronte a meteorización, o impacto ambiental e os riscos asociados ao cambio climático, como episodios extremos, oscilacións térmicas ou incendios, que afectan á preservación do granito e favorecen a colonización biolóxica. Cómpre avanzar en metodoloxías e datos comúns, consolidar protocolos compartidos entre institucións e reforzar a participación social para mellorar a divulgación e orientar a xestión cara á sostibilidade. Este foi un primeiro paso cara a novas accións destinadas a consolidar unha rede atlántica de cooperación e divulgación.
Seguen traballando pola consideración do PAAR como Patrimonio da Humanidade?
Trabállase por tentar de englobar a arte rupestre de Galicia, xunto con outras zonas xa consideradas Patrimonio Mundial pola UNESCO.
(Extracto da entrevista publicada no número 416 – xaneiro 2026)
Comentarios (0)