A SAREB tenta recuperar perdas en Galicia a un ano da súa disolución
A Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria dispoñía na nosa comunidade, a 31de decembro de 2025, de preto de 2.000 vivendas, 2.534 chans urbanizables, un milleiro de obras en curso e outros bens. Aínda que hai activos nas catro provincias, as atlánticas —e especialmente as zonas máis turísticas— concentran a maioría.
“Sareb naceu en 2012 para xestionar e liquidar os activos deteriorados (préstamos e inmobles) procedentes de entidades financeiras que necesitaron axudas públicas. A compañía traballa día a día para liquidar esa carteira, así como a débeda que leva asociada e que está avalada polo Estado. A Sareb (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria) naceu como resposta á urxente necesidade de estabilizar o sector financeiro español, particularmente afectado pola xestión dun grupo de entidades sucesoras de 24 caixas de aforro e as súas filiais”.
Este texto aínda se pode ler hoxe en día na páxina web desta especie de empresa pública que estaba abocada ao fracaso e que foi dando tombos durante unha década. E iso foi así a pesar de que, tras a aprobación do Real Decreto-Lei 1/2022, o mandato desinversor da Sareb "enriqueceuse coa incorporación na súa xestión do principio de sustentabilidade e utilidade social" e producíronse algúns cambios coincidindo con outro feito clave: o FROB (Autoridade Nacional de Resolución Executiva), alcanzaba a maioría do capital social da compañía.
Durante os anos 2012 e 2013, esta entidade recibiu 198.211 activos problemáticos procedentes das vellas e politizadas caixas e dalgúns bancos pequenos, co obxectivo de sanear os seus balances. Basicamente, eran préstamos a promotores e inmobles xa adxudicados. Esa pesada mochila foi un agasallo envelenado adquirido mediante a emisión de bonos por 50.781 millóns de euros (préstamos ao promotor por 39.438 millóns e inmobles por 11.343 millóns) avalados polo Tesouro Público. “Desde entón, Sareb xestionou cada activo co obxectivo de maximizar o repago da súa débeda, buscando minimizar as perdas para o contribuínte”, di na súa web, aínda que poden contarse cos dedos dunha man as declaracións públicas nesa dirección dos seus máximos responsables nos seus 13 anos de existencia. Un baño de realidade.
Galicia foi unha comunidade na que a crise do ladrillo tivo un impacto importante, non pola cantidade de bens inmobles afectados (xa de por si numeroso), senón polo impacto que supuxo a desaparición de Caixa Galicia e Caixanova, as dúas grandes caixas que controlaban unha gran parte do aforro dos galegos. O intento de fusión en clave galega para evitar a súa quebra técnica, que non real, non frutificou e o FROB acabou malvendendo todo o seu potencial económico ao entón dono dun banco venezolano que previamente adquirira, tamén a prezo de saldo, o Banco Etchevarría.
Debido a que as dúas caixas tiñan préstamos e investimentos en España, apenas quedan cifras desagregadas da porción galega daqueles 198.211 activos problemáticos repartidos por todo o territorio español que recibiu a Sareb. Segundo datos da propia sociedade de xestión en 2021, tras o baixón provocado pola pandemia, logrou desfacerse de ao redor dun milleiro de activos na nosa comunidade que subiron a 1.147 en 2022 cando se produciu a súa nacionalización. Un ano despois traspasou 585 activos residenciais por 31 millóns de euros; 57 parcelas de chan por 11,5 millóns; e 138 activos terciarios por 10,6 millóns; é dicir, ingresou ao redor de 150 millóns nese trienio,
Activos a 31 de decembro
O que consta nas estatísticas da empresa pública é que o 31 de decembro de 2025 dispoñía na nosa comunidade de 1.814 vivendas (pisos, casas, apartamentos, chalés…), 1.687 obras auxiliares (rochos, garaxes…), 856 obras en curso, 2.534 chans urbanizables e 198 edificios de uso terciario (naves, locais, baixos... vinculados a actividades comerciais).
A súa distribución xeográfica abarca as catro provincias pero cunha máis que notable diferenza entre as dúas atlánticas (A Coruña e Pontevedra) e as dúas do interior (Lugo e Ourense), unha disparidade que se acrecenta tamén cando falamos de localidades con impacto turístico e aquelas que forman parte da Galicia baleirada.
Por provincias
A Sareb ten aínda propiedades en case a metade de concellos da Coruña (48 de 96), que acapara unha ampla maioría dos chamados activos deteriorados con 1.213 vivendas, 1.214 anexos, 366 obras en curso, 364 parcelas edificables e 66 locais como naves industriais, baixos comerciais e ata algunha granxa agrícola. A Coruña cidade (182), Mugardos (168), Narón (108), Valdoviño (97), Porto do Son (87), Ribeira (78) e Carral (74) lideran a lista de concellos con máis vivendas da Sareb; Carral (355) e A Coruña (266) os auxiliares; Negreira e Carballo as obras en curso; A Coruña e O Pino as parcelas e Ames e Narón as de uso terciario. Chama a atención a grande actividade que tiñan as caixas no sector da construción en comarcas como Ferrolterra, Barbanza e A Coruña e a escasa presenza de bens na capital galega: en Santiago apenas quedaban catro vivendas en mans da Sareb a finais do pasado ano.
Pontevedra aparece con 394 vivendas, 334 anexos, 159 obras activas, 41 locais de uso terciario e 1.599 parcelas urbanizables case todas elas en Sanxenxo con 1.276. Repártense por 39 dos 61 concellos, con Vigo liderando o número de vivendas (109), rochos e prazas de garaxe (222) e uso terciario (15) e situándose en segundo lugar en parcelas e sen ningunha obra en marcha. Porriño, Lalín e O Rosal son concellos con bastante parque Sareb, así como as zonas Arousa-Salnés, O Morrazo, a costa de Baiona a Tui e a área metropolitana de Vigo. Pontevedra capital, móvese por cifras que non se achegan ao seu teórico potencial con apenas unha vintena de vivendas e 40 parcelas.
Os bens problemáticos da Sareb en Lugo concéntranse na zona costeira da Mariña. Son 188 vivendas, 137 auxiliares, 307 obras en curso e 87 chans urbanizables e outros tantos locais de uso terciario. Barreiros (68) e Monforte (67) lideran o apartado de pisos en venda, Lugo e Barreiros os edificios auxiliares, Burela as obras e a capital provincial as parcelas e as naves ou baixos comerciais.
En Ourense a empresa pública apenas ten incidencia con 19 vivendas, 2 anexos, 24 obras, 484 parcelas e 4 de uso terciario que se reparten en apenas sete dos seus 92 concellos: A Rúa, Allariz, Barbadás, O Barco, Pereiro de Aguiar, a capital e Vilamartín de Valdeorras. Curiosamente este último acapara 11 dos 19 pisos e Ourense 472 das 484 parcelas e os 4 baixos comerciais.
(Extracto da reportaxe publicada no número 417 – febreiro 2026)
Comentarios (0)