Variedade e gusto
Vén de visita moita xente, o titular son os 8,8 millóns de 2025 con máximos de pernoitas. Pero o sector quere conseguir un turismo o máis rendible posible e non só crecer en volume, e para iso hai que ofrecer servizos de calidade -mesmo de capricho- pero tamén funcionais.
Temos unhas 273.000 prazas de aloxamento e hai marxe de crecemento. Vimos en 2025 e veremos en 2026 proxectos do trinque, reformas de antigos hoteis, revitalización dalgúns que decaían e a creación de espazos fóra das cidades. Algúns moi persoais, outros con pragmáticos formatos, cadaquén ten o seu público e o seu momento.
O prezo e con el a rendibilidade por habitación nos hoteis galegos aumentou un 7 % en xaneiro de 2026, segue a senda de 2025. Informes mensuais de ocupación, enquisas a hostaleiros e residentes, viaxeiros e pernoitas… Xunta e Sociedade Estatal para a Xestión das Innovacións e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR) coordinan e cruzan cifras no Sistema de Intelixencia Turística de Galicia, probablemente a mellor fonte para desagregar todo tipo de datos neste eido.
Aquí corrobórase que o mercado nacional segue sendo o motor principal (65 %) -incluamos turismo de congresos, eventos e turismo termal- pero que o internacional representa xa o 35 % e crece a un ritmo do 10 % anual. E iso quéreno aproveitar especialmente os hoteis-boutique, ademais de sacarlle partido á marca Galicia que dan os diversos Camiños de Santiago que temos, ás veces porta de entrada para alguén que repetirá viaxe pero doutra maneira.
A oportunidade pálpase e o investimento anímase.
(Extracto da reportaxe publicada no número 418 – marzo 2026)
Comentarios (0)