Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As novas festas patronais



TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE I.G. · PUBLICADO O 17 DE MARZO DE 2026 · (0)




Continúa a febre “festivaleira” e promotoras e organismos públicos preparan todo para unha nova tempada alta na que o Son do Camiño anuncia o seu cartel máis ambicioso. Ninguén escapa xa destas citas que van camiño de converter as tradicionais “festas do pobo” en festivais máis ou menos multitudinarios.

As verbenas non morreron, simplemente mutaron e os festivais de música convertéronse nas novas festas do pobo do século XXI. O que antes eran as verbenas de verán, as festas patronais con orquestra na praza, charangas improvisadas e bailes ata a amencida, hoxe atopa a súa versión contemporánea e amplificada en macroeventos como O Son do Camiño, Resurrection Fest, PortAmérica, Sinsal… e varias decenas (ou quizais centenares) máis.

Non cambian as regras, porque estes festivais, ao igual que as antigas festas populares tradicionais manteñen moitos elementos comúns: citas interxeracionais que teñen a música como eixo central en espazos locais adaptados e que activan a economía e o sentido de pertenza e orgullo, esa sensación de "todo o pobo está aquí".

A gran diferencia é que eses elementos lévanse a unha escala industrial e global, algo que xa entenderon as vellas orquestras cando comezaron a súa renovación. Pensemos nas potentes Panorama, París de Noia, Combo Dominicano etc. cando iniciaron os concertos multitudinarios con pantallas xigantes, luces láser e cambios de vestiario. Os festivais son un paso máis, xa que inclúen varios grupos e artistas e, na maioría das ocasións, ata varios escenarios simultáneos, co fin de reunir o maior número de asistentes posible.

Ir a un festival converteuse en rito de paso, como o eran antes as festas patronais. A xente non só vai escoitar música: vai ver e ser vista, a formar parte dunha estética (e aí entran os outfits festivaleiros que dan para reportaxe aparte). É unha identidade colectiva que antes se vivía no pobo e agora nun recinto pechado onde transcorre a vida durante os días que ten lugar o festival.

Das grandes citas aos noveis

O Son do Camiño e o Resurrection Fest anuncian os seus carteis máis ambiciosos, con nomes da talla de a Linkin Park ou Katy Perry (no primeiro caso) e Airon Maiden ou Marilyn Manson no segundo. Estes macroeventos atraen miles de persoas de todo o mundo, xeran millóns en impacto económico e colocan a Galicia como un dos destinos festivaleros máis potentes do norte peninsular. Con todo, detrás destes titulares luminosos, decenas de propostas de menor formato loitan por atopar o seu lugar nun ecosistema cada vez máis saturado e concentrado.

O Sil Fest no Barco de Valdeorras celebra a súa décima edición con moito esforzo por manter ese carácter propio de quen, sen estar entre os grandes, require moito traballo e presuposto para marterse no calendario.

E moitísimos outros que loitan para conseguir uns miles de euros cos que pagar bandas locais, promesas e grupos vidos a menos que teñen o seu público. Para estes é fundamental contar con apoios, como os que ofrece a marca FEST Galicia do Goberno galego. Aínda que todos reciben cartos públicos, amparados na visibilidade e no retorno publicitario que adoitan ter estes eventos.

Para os promotores é hora de empezar a pechar organización. Para o público, de elixir as citas máis interesantes do ano.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)