Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Mirar con novos ollos



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 02 DE XUñO DE 2026 · (0)




Os avances industriais non serían posibles sen a construción de canles, estradas e ferrocarrís sobre os que viaxan materias primas, xentes e produtos. Uns precisan dos outros redefinindo peiraos, vales e costas nunha titánica loita que conta a historia do que fomos e do que queremos ser.

Podemos considerar Roma como o primeiro imperio en implementar unha planificación e execución de obras públicas a gran escala, estandarizada e sistemática en todo o territorio. Aínda que Exipto ou a Persia aqueménida realizaran construcións monumentais Roma estivo a outro nivel. A durabilidade e a funcionalidade dos seus acuedutos, calzadas, pontes, portos, faros, e rede de sumidoiros quedou máis ca demostrada. O formigón romano (opus caementicium) e o uso do arco permitiron construcións colosais que perduran ata hoxe cun estilo consistente en todo o imperio. En Galicia conservamos restos da rede viaria romana, como a Vía Nova (Vía XVIII) que unía Braga e Astorga con tramos orixinais en Lobios (Ourense), miliarios e pontes; ou o Aquis Querquennis (Bande, Ourense) cestos dun campamento, termas e unha mansión. E iso que o proceso de romanización non foi tan forte como noutras zonas da península.

Historicamente a planificación, o proxecto e a construción de grandes infraestruturas ás veces pode eclipsar o máis importante, o que sucede a continuación: como se pon en servizo e a súa utilización e aproveitamento por parte da sociedade. Cómpre un mantemento ordinario para garantir a funcionalidade, pero tamén un coidado a longo prazo, mesmo cando chegan a esgotar a súa vida útil. Pero esquecemos isto e concentrámonos de novo en planificar a realización doutras infraestruturas porque as consideramos máis importantes ou necesarias desaproveitando o xa feito, pontes, faros, estradas, presas e estacións ferroviarias.

Un amplo abano

O patrimonio de obra pública abrangue, pois, un enorme armazón de infraestruturas, edificios e estruturas construídas polo estado ou as administracións para un uso colectivo, combinando valor funcional e histórico. Se abrimos moito o obxectivo estamos falando do acueduto de Segovia e de trazados históricos como a Vía Augusta ou a Torre de Hércules pasando polas obras portuarias, as estacións de ferrocarril, murallas e prazas maiores, pavimentos e sistemas de iluminación. Patrimonio teoricamente protexido e catalogado baixo variados paraugas, plans, programas e leis e xestionados a miúdo polo Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE).

Os enxeñeiros galegos agrupados baixo o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia (CICCP Galicia) detectaron sete obras con valor neste eido, pero sempre hai máis.  Non todas están mal aínda que a maioría precisan dunha volta de conservación,  señalética e difusión, hai tamén case ruínas. Seguramente coñecer delas é unha descuberta para moitos que nin as para elas cando contan moitas cousas, ademais do servizo feito e que algunhas seguen a facer.  Son as escollidas para formar parte da listaxe do II Catálogo de Actuacións no Patrimonio das Obras Públicas presentado o pasado 9 de abril no II Congreso de Patrimonio da Obra Pública e a Enxeñería Civil celebrado en Castellón onde o vicepresidente do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de España, Ricardo Martin de Bustamante Vega, explicou que “o catálogo evidencia, nalgúns casos, os investimentos que se deben realizar para preservar o patrimonio enxeñeril español, que conforma, tamén, o noso patrimonio cultural”. “Isto non quere dicir que as obras do primeiro catálogo estean solucionadas”, engade o presidente do Colexio Miguel Ángel Carrillo. Pero todas foran feitas por motivos “políticos, económicos e sociais precisan ser recoñecidas e valoradas, tanto se permite a utilidade pública como se están obsoletas”.

500 congresistas de 12 nacionalidades presentaron 170 comunicacións. A participación do CICCP Galicia centrouse, como eles explican, “na caracterización da paisaxe e na mención de estruturas que definiron o progreso do noso territorio”. Carlos Nárdiz Ortiz, profesor de Urbanismo e Ordenación do Territorio na UDC e director da Revista de Obras Públicas e Lorena Solaina Barjacoba, vicedecana da Demarcación de Galicia do Colexio, levaron un traballo sobre Luciano Yordi, o grande enxeñeiro autor de presas icónicas, un visionario que transformou a enxeñería en España. Figura recoñecida pola Demarcación de Galicia cunha exposición coa que inaugurara a nova sede en 2010.

O milagre da auga

A industria da auga xurde no século XIX sobre todo para combater epidemias como a cólera, provocadas polo crecemento urbano e a industrialización. A moderna, porque xa houbo canalizacións e sistemas previos. Pero os avances en bombeo a vapor e a construción de encoros, estacións e torres de auga marcaron ese período, paisaxes industriais que contribuíron ao desenvolvemento humano e á saúde pública. Hai moita beleza nas construcións ao redor deste vital elemento.

O libro de James Douet, The Water Industry as World Heritage: thematic study (2018) analiza a súa importancia histórica e cultural. Publicado polo Comité Internacional para a Conservación do Patrimonio Industrial (TICCIH) identificou sitios que poderían ser recoñecidos como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.  E incentivou a organización de congresos e seminarios que trataron de forma exclusiva este patrimonio, como o celebrado no Museu Agbar de Barcelona en abril de 2018, dando pulo á creación do Comité Científico Internacional sobre a auga e o Patrimonio no seo de ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios).

Un primeiro paso. Porque alén do patrimonio vencellado ás complexas redes que permitiron abastecemento saneamento podería favorecer a valoración de sistemas de canles e  acequias para a rega, que ata a data practicamente foran relegadas da consideración patrimonial.

O caso vigués

Ata os primeiros anos do século XX os habitantes de Vigo obtiñan auga de varias fontes públicas distribuídas polo  barrios, non había sistema subministración centralizada. En 1904, coa construción do depósito do Castro fornecido por varios mananciais de Bembrive, estableceuse o primeiro servizo de auga nunha urbe superada polo seu crecemento exponencial en poucas décadas.  Fernando García Arenal, presidente do porto vigués e tamén fillo da gran Concepción Arenal proxectou o abastecemento ao centro desde os mananciais de Bembrive pero o definitivo fíxoo Ramiro Pascual, enxeñeiro municipal. “O depósito forma parte da primeira traída de augas a Vigo onde a cidade tiña unha poboación duns 30.000 habitantes e necesitaba unha abastecemento maior”, explica Nárdiz, un dos enxeñeiros redactores do II Catálogo de Actuacións no Patrimonio das Obras Públicas. Pascual buscou o punto máis alto da cidade, O Castro, para que distribuísese a auga e, fíxoo tan ben, que hoxe gran parte do municipio abastécese a través del. Sen embargo máis de 100 anos despois presenta un estado lamentable. Segue operativo pero envolto en graffitis, con perdas de revogo e danos en elementos ornamentais. Recuperar a cor e os elementos orixinais da fachada semella o mínimo a facer.

Se hai algo que ten Galicia é unha impresionante rede de presas hidroeléctricas que se integran na paisaxe dos canóns fluviais. Detrás dalgunhas das máis icónicas está Luciano Yordi de Carricarte ao que os colexiados galegos fixeron protagonista no citado congreso.

(Extracto do A Fondo publicado no número 420 – maio 2026)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)