Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Esta universidade ten un potencial enorme”



TERESA ROCAMONDE - FOTOS: MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 15 DE XULLO DE 2016 · (0)




Juan Viaño leva 2 anos á fronte da Universidade de Santiago de Compostela e, no ecuador do seu mandato, pode respirar un pouco máis tranquilo. Non só logrouconter un déficit que a piques estivo de “liquidar” unha institución cinco veces centenaria senón que obtivo beneficios, o que permitirá comezar a aplicar algunha medida máis expansiva en ámbitos como a contratación. Mais o reitor non se conforma: quere unha universidade que dea resposta ás necesidades actuais, capaz de atraer alumnos de todo o mundo e darlles unha formación de máximo nivel. Ese é o obxectivo a medio prazo; antes, aínda lle quedan moitas contas por facer a este catedrático de Matemática aplicada. 

Parece que as contas empezan a cadrar na USC. É mérito do matemático que dirixe a institución ou son eses brotes verdes que parece que empezan a agromar?

É verdade que vimos de aprobar a conta xeral do ano 2015 e estamos medianamente satisfeitos porque, como ben sabe, cando chegamos hai dous anos atopamos a universidade nunha situación moi difícil, cun déficit de 14 millóns de euros e unha débeda de 50 millóns, que nos obrigou a facer un plan económico-financeiro de reequilibrio cuns axustes moi importantes para intentar manter os nosos traballadores e a nosa masa salarial. Iso aprobouse co apoio de toda a comunidade universitaria, algo que eu sempre agradecerei, pero temos que seguir mantendo unha liña moi estrita en contención de gasto. O ter reducido xa o déficit o ano pasado de 14 a 12 millóns e neste, que pensabamos acabar con 67.000 euros de superávit e tivemos millón e medio, reflicte unha xestión que creemos acertada.

A este ritmo, cando terá folgura a USC para comezar a aplicar verdadeiramente políticas expansivas?

Isto só é o inicio dun camiño que vai ser longo. Non significa que teñamos saímos das dificultades porque, para conseguir isto, tivemos que aprazar a devolución de débeda uns anos o que significa que teremos que pagar máis débeda e teremos que ser moi estritos na nosa xestión. Pero temos unha senda pola que transitar con máis seguridade. Tamén hai que engadir o novo Plan de financiamento 2016-2020 que implicou un esforzo xeneroso por parte da Xunta de Galicia para aumentar o financiamento, algo que agradecemos –aínda que nunca é suficiente–; e tamén hai que dicir que as tres universidades soubemos chegar a uns criterios de reparto máis axeitados á nosa estrutura, á calidade de docencia e aos nosos niveis de investigación.

Precisamente dicía vostede ao pouco de tomar posesión que a USC era máis do 50 % do sistema universitario galego pero á hora de captar recursos estaba por debaixo do 40 %. Arranxouse iso?

Si. Aínda que nos avogabamos por un reparto por resultados aínda mellor que o que se acadou, o certo é os novos criterios de reparto melloraron substancialmente isto. Chegamos a un acordo no que o reparto por resultados e o reparto por estrutura son máis axeitados a cada universidade, están máis axustados, e iso permite que un reciba un pouco máis de acordo co que representa e aporta ao sistema. Nós tiñamos unha produción científica, un número de alumnos e unha captación de recursos que non se vía reflectida. Iso mellorou e estamos esperanzados, cremos que aínda se vai notar máis nos próximos anos.

Non se atreve entón a datar o fin da crise na Universidade…

Este é un plan de fondo, a seis anos, e pretendemos que sobre o 2020 ou 2021 academos o déficit cero. Polo momento aínda temos un déficit de 12 millóns e unha débeda de aproximadamente 45. Pero hai que dicir tamén que, pese ás dificultades e a sermos moi estritos, fomos quen de manter os compromisos cos nosos investigadores e profesores e logramos estabilizar, moito antes do previsto, a todos os que estaban en contrato precario. E iso vainos permitir sacar este ano varias prazas, tanto de profesores titulares como para acreditados a cátedra. Para poder facer isto hai que ser moi estrito… 

Falando de sinerxias… como están as das tres universidades galegas?

Dende que son reitor, as relacións son magníficas. Desbloqueamos cuestións como o convenio de colaboración de docencia clínica de Medicina, temos másteres interuniversitarios que funcionan moi ben e colaboracións nos Campus Vida, no Campus do Mar… Tamén temos colaboracións co norte de Portugal moi importantes… E iso é froito dun bo entendemento. Queda por diante levar iso aos graos e á oferta docente de cada campus para aproveitar ben recursos.

Visto a día de hoxe, foi unha boa decisión a creación de tres universidades en Galicia?

Hai que colocarse nos anos oitenta, coa Universidade de Santiago completamente masificada, con máis de 90 mil estudantes –agora temos 52 mil– e con facultades nas sete cidades. Non había as vías de comunicación nin a informática que hai hoxe e xestionar iso era moi complicado. Por tanto, eu creo que naquel momento tomouse a única decisión que, naquel momento, se podía tomar. Agora mesmo sería posible ter unha soa, como no Pais Vasco, aínda que o nivel de autonomía de xestión dos campus non centrais tería que ser moi grande e non diferiría moito da actual, salvo polo feito de que non habería tres cabezas reitoras.

Persoalmente, que balance fai destes dous anos?

Estou medianamente satisfeito e iso teño que agradecerllo novamente a toda a comunidade universitaria, que foi quen de ver a nosa realidade e arrimar o ombreiro para aprobar o plan de reequilibrio, axudar no plan de financiamento, aprobar os orzamentos… Isto tranquilizou moito a vida universitaria. Tamén estou satisfeito de ter posto en marcha os novos estatutos, que levou moito tempo e esforzo e impediu dedicarnos a outras xestións, pero era algo necesario. Teño un equipo que funciona cada vez mellor e a verdade é que é moi satisfactorio representar a universidade na que un estudou e na que é profesor; iso compensa outros sinsabores do día a día, que os hai.

(Extracto da entrevista completa, que se poderá ler no número de agosto de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)