Historia dun talabarteiro
EMPRESAS CON HISTORIA
A primeira e artesanal factoría Gómez naceu da iniciativa dun home inquedo, natural de Pereiro de Aguiar pero que se iniciou no oficio de traballar a pel na Coruña e acabou por instalarse en Arzúa, cuxa capital vivía nos anos 30 do século XIX un notable desenvolvemento que Antonio quixo –e soubo– aproveitar. Alí tamén namorou e casou, tivo nada menos que oito fillos e puxo en marcha a engrenaxe do que, anos despois, sería, e é, Toldos Gómez.
Antonio contaba con moi bos e estreitos colaboradores que, trala súa prematura morte apenas dous meses antes do inicio da Guerra Civil, pasaron experiencia e habilidades ao seu primoxénito: Manuel Gómez Cea. Unha oportunidade que non deixou pasar malia ter 12 anos.
A súa nai, Matilde, foi a outra gran protagonista da historia, unha muller que queda viúva nun tempo moi complicado, con 38 anos, oito fillos para criar e pouco tempo para queixumes. Proxectou as súas enerxías na educación e coidado da extensa prole facéndose ao tempo cargo das actividades do falecido marido “e gañándose o respecto de todos”, lembraba unha das súas fillas, Mercedes. Manuel confecciona naqueles días a súa primeira albarda descubrindo unha innata habilidade para traballar o coiro mentres un neno de nove anos esculcaba entre as ferramentas: era o seu irmán Cándido, que sería o segundo motor do negocio.
Pero en 1946, cando Manuel tiña 20 anos, é recrutado polo servizo militar que o enviou á África española dous anos e medio. Ao seu regreso, a embrionaria gornicionería desaparecera, substituída por unha taberna que sufragaba a subsistencia da enorme familia. “Ninguén pode dicir que lle servín xamais un vaso de viño” diría anos despois Manuel. El sabía o que quería, así que seguiu atendendo pedidos de coiro dentro da taberna mentres a súa na facía fronte ao que lle tocara en sorte.
Ninguén se permite parar
O seu irmán Cándido implícase tamén ao 100% co proxecto, movendo os coiros a domicilio, el foi peza que completaría o binomio. “Sempre estivemos xuntos. Aínda que traballásemos ombreiro con ombreiro cen anos máis nunca habería problemas. Cándido era o máis traballador do mundo”. Nacera Gornicionería Irmáns Gómez e naquel embrionario obradoiro fabricáronse as primeiras monturas galegas, con moitas ganas e máis complicidade. Para Manuel, a gornicionería era unha paixón e unha expresión artística, ademais dun modo de gañar a vida, pero nos anos 60 o traballo con animais no campo era xa residual, é o son da maquinaria agrícola o que se oe, e hai que buscar outras vías de ingresos. A gornicionería seguirá facéndose pero xa como fonte secundaria.
Sentido común
Pero como aproveitar o aprendido, as habilidades, os materiais? O coiro, a lona, as las gordas, os aparellos? Pois facendo toldos para feirantes, capas para montar dacabalo e, aproveitando as máquinas de coser, o remendado de lonas de algodón. Aquí contaron co traballo de Celia Alamancos, a muller de Cándido e experta costureira. A partir de 1968 comeza unha nova etapa.
En 1975 a empresa vive días moi produtivos. Durante case unha década, gornicionería e toldos conviven nunha mesma sede ata que en 1976 constrúese a primeira nave desde a que xa puido funcionar o negocio de toldos con certa autonomía. “Fixémola nós coa axuda dos empregados”, lembra Manuel. O seu fillo, Antonio Gómez Alamancos, quedaría entón á fronte da produción.
A finais da década o obradoiro dos Gómez traballa por primeira vez con lona de PVC e comezan a fabricar tamén toldos de fachada, amplían o mercado. En 1987 compran unha nave no Polígono Industrial do Tambre, en Santiago, para facer lonas de camión, e sería un fillo de Cándido, José Manuel, o encargado de xestionar este novo centro de traballo.
Para optimizar a xestión, en setembro 1990 deciden crear Toldos Gómez, S.L., separando xa de maneira definitiva o negocio das lonas da gornicionería, que continúa a traxectoria diferenciada. Serán os mesmos integrantes da primitiva sociedade civil: Manuel e Cándido Gómez Cea e dous fillos de cada un deles, en total seis persoas. Seis anos máis tarde constrúen en Arzúa novas instalacións con nova maquinaria para seguir facendo toldos e aproveitan a nave de 1976 como almacén.
(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número de outubro de eco)
Comentarios (0)