Alimentos para doentes oncolóxicos
O proxecto chámase Alisenoc. Trátase de conseguir –en tres anos, o máximo prazo marcado– produtos que cubran esixencias nutricionais, melloren a calidade de vida e os síntomas dos tratamentos do cancro e que, ademais, estean bos. A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC traballa nel.
As dietas que hoxe temos como aconselladas para enfermos de cancro non é que sexan incorrectas nin moito menos, pero non achegan nutrientes que se sabe que axudan a modular aspectos da enfermidade e a mitigar os habituais síntomas, sobre todo derivados da quimioterapia. O problema é que os compostos que poden ser bos non puideron ata o de agora ser incorporados nas dietas pola inestabilidade destas substancias ao tratamento térmico e o proceso de dixestión. Ademais deixan de lado o sabor, o que non axuda moito a seguilas con gusto.
Estas limitacións son o obxectivo a superar conseguindo un conxunto de alimentos que incluirán: macro e micronutrientes, nova combinación de ingredientes con efectos bioactivos beneficiosos para recuperar a saúde e un sabor agradable. O traballo está liderado polo laboratorio de nutrición médica Adventia Pharma ademais do centro adscrito á USC, pero xunto co Instituto de Investigación do Hospital La Paz e o Centro Tecnolóxico Ainia, imprescindibles colaboradores; unha tarefa en equipo.
O sistema de traballo. Unha vez recibida a receita e a correspondente composición dos alimentos encargados polo laboratorio farmacéutico, o persoal que traballa na Aula de Produtos Lácteos da USC ocuparase de realizar nos seus laboratorios probas que permiten testar os ingredientes adaptados aos requirimentos das dietas oncolóxicas, mentres avalían o efecto dos procesos industriais nas características finais do alimento. Para facelo traballarán cun viscosímetro Brookfield e un Tuerviscan Lab.Expert-Formulaction. Despois, analizarán as características a nivel sensorial.
Xa definidos os ingredientes que mellor se adaptan ao deseño do produto as instalacións acubillarán ensaios a escala semi-industrial para así poder predicir o comportamento do produto no posterior e imprescindible escalado industrial. A vantaxe? Pois que a empresa que os produza xa terá o deseño e estudo de vida útil completa, dado que os ingredientes necesarios poden derivar en imprevistos á hora de implantar a fabricación a escala industrial. A achega do centro tecnolóxico de Ainia foi o estudo lexislativo de viabilidade dos ingredientes e compostos bioactivos, cun informe de situación legal para cada ingrediente proposto considerando o Dereito Alimentario aplicable na Unión Europea. Tamén se avaliaron as diferentes alternativas para adecuar os compostos activos e mellorar estabilidade e propiedades.
O proxecto, pola súa importancia, está financiado polo Programa Operativo Plurirrexional de Crecemento Intelixente 2014-2020. Os cartos son en total 455.638 euros, fondos FEDER nun 85 % sacados dos impostos que pagamos millóns de europeos. Se todo sae coma se espera, moi ben empregados.
(Extracto da reportaxe publicada no número 333 - febreiro 2019)
Comentarios (0)