“Moitos dos erros cometidos tiveron que ver con actitudes pouco prudentes ou crecementos demasiado rápidos e pouco rigorosos”
O ano que vén de rematar foi o do 50 aniversario de Caixa Rural Galega, unha data que celebraron con diversidade de actos e que clausuraron hai uns días cunha gala na que volveron pór de manifesto a súa particular forma de entender o mundo. Unha estratexia que lles permitiu saír ben parados da desfeita financeira dos últimos anos e afrontar os que veñen con optimismo, malia os desafíos importantes aos que saben que deberán facer fronte, como relata o seu director xeral, Jesús Méndez Álvarez-Cedrón.

Cal é a situación da Caixa a día de hoxe?
En termos de solvencia e liquidez é moi boa debido o bo traballo que se fixo nestes últimos anos. Adicionalmente hai que sinalar que, en termos de captación de negocio, tamén estamos moi satisfeitos con crecementos importantes nestes últimos anos. No tocante a rendibilidade estamos loxicamente afectados, coma o resto de entidades, polos niveis tan baixos nos tipos de xuro que fan a nosa actividade moito menos rendible do que viña sendo…, non obstante este efecto é para nós menos grave que para o resto do sector posto que a nosa presión por obter beneficios e repartir dividendos é moito menor que no resto das entidades.
Como sortearon a crise financeira que desbaratou o país? Cales consideran que foron os principais erros do sector?
As nosas pautas de actuación nestes últimos tempos teñen sido a prudencia e a estabilidade. Penso que moitos dos erros cometidos tiveron que ver con actitudes pouco prudentes o crecementos demasiado rápidos e pouco rigorosos nas análises dos riscos nos que se incorría.
Co seu coñecemento do sector e a experiencia nos bos e nos malos momentos, cre que se debera ter tomado outra decisión con respecto ás caixas galegas?
É difícil saber hoxe cal tería sido a mellor decisión e probablemente todas e cada unha delas tiveran aspectos positivos e negativos. Por desgraza pasou o que pasou e ninguén é quen de darlle para a atrás a historia...
Houbo tamén unha reestruturación importante nas cooperativas de crédito, mais non tivo os custos do resto. Por que?
No eido das cooperativas de crédito a reconversión tense producido fundamentalmente a través de fusións entre entidades na procura de melloras na produtividade e na eficiencia, e, ata o de agora, sen ningún tipo de custes para o contribuínte. Tamén cómpre sinalar que o noso grupo, Caja Rural, conta cun fondo de insolvencia que tense revelado coma un cortalumes moi efectivo cando algunha entidade presenta algún tipo de problema. Permite actuar con rapidez e evitar rescates con cartos públicos.
Está mellor agora o sistema? É máis forte que antes da reestruturación?
En termos de solvencia sen dúbida algunha. […]
Como albiscan o futuro en Caixa Rural?
A nosa intención é non pechar ningunha oficina. Dentro da nosa función social hai un aspecto que nos preocupa enormemente como é o feito da exclusión financeira. A pesares de todos os procesos imparables de dixitalización pensamos que funcionamos coma unha sorte de servizo público, especialmente en zonas rurais. Ademais disto cremos que os canais dixitais e as oficinas son perfectamente complementarios e a evolución das nosas cotas de mercado semellan estar dándonos a razón.
(Extracto da entrevista completa que se pode ler no número de xaneiro de eco)
Comentarios (0)