Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O dilema das cláusulas chan


O mercado inmobiliario podería verse afectado por estas indemnizacións


GONZALO FERNÁNDEZ - FOTOS: MONCHO FUENTES E MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 15 DE FEBREIRO DE 2017 · (0)






Nuns momentos en que o mercado inmobiliario parecía amosar síntomas de recuperación, a sentenza do Tibunal de Xustiza da Unión Europea que obriga aos bancos a aboar todo o cobrado de máis polas cláusulas chan pode debuxar un novo panorama para os sectores implicados e mesmo para un sistema financeiro que tamén vén de recuperarse da crise. Afectará esta resolución ao prezo e as condicións das hipotecas? Axudará o Real Decreto aprobado polo Goberno para pagar estas indemnizacións a resolver o problema? Para responder a estas e a outras cuestións, falamos con sete profesionais relacionados con este mercado que, ademais, ofrecen a súa visión sobre a situación actual.

Segundo Adicae (Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros), preto de 100.000 galegos poderían estar pagando aínda a cláusula chan, unha cifra que estima que se dispararía tendo en conta a todos os que teñen dereito a recuperar o seu diñeiro tras a sentenza do TXUE

O Real Decreto que regula os reintegros polas chamadas cláusulas chan establece que os bancos devolverán en efectivo esas cantidades, aínda que o consumidor e a entidade poderán acordar outras fórmulas de devolución

O presidente do BBVA, Francisco González, informou de que ían esperar a que o Tribunal Supremo se pronunciase o 15 de febreiro para aclarar as condicións nas que se debe materializar a devolución das cláusulas chan

No caso de Bankia, serán uns 60.000 os consumidores que se poderán beneficiar destes reintegros, segundo explicou o presidente desta entidade, José Ignacio Goirigolzarri, que engadiu que con esta medida se poderán aforrar uns 100 millóns de euros en custos xudiciais

Abanca comunicou o pasado 25 de xaneiro á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que a devolución destes importes tería un impacto máximo de 30 millóns de euros “de forma preliminar”. O FROB, pola súa banda, aboará o 85 % restante ata cubrir un importe de 200 millóns de euros

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), se en Galicia se venderon en 2007 31.000 vivendas –14.935 novas e 16.065 usadas–, en 2015 só 12.614 –5.173 novas e 7.441 usadas–, o que supón case un 60 % menos que oito anos antes

O xerente de APEC Lugo, Eugenio Corral, cre que se as hipotecas se encarecen como consecuencia desta resolución, o sector da construción se verá afectado xa que “aumentará a dificultade de acceso á vivenda”

O presidente de APEC Pontevedra, José Luis Campos Novo, considera que a resolución sobre as cláusulas chan mesmo pode beneficiar ao seu sector, xa que “todo aquilo que implique xerar liquidez nas familias favorece o gasto e, por ende, o desenvolvemento de todos os sectores económicos”

Dende Aproinco, o seu secretario xeral, Juan José Yáñez Martínez, defende o sistema hipotecario español como “un dos máis perfectos do mundo”, e permite que este país teña “a porcentaxe máis elevada de vivenda en propiedade de todos os países occidentais”

O presidente do Colexio Provincial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, Herminio Carballido Rey, prevé que a resolución do TXUE vai encarecer as hipotecas ou que os bancos pidan outro tipo de garantías, pero deixa claro que as institucións financeiras “non terán máis remedio que cumprir coas resolucións ditadas”

Para o secretario xeral da Ucgal, Miguel López Crespo, a sentenza do TXUE non vai  producir ningún problema que supoña serios apuros para o mercado hipotecario, pero si está percibindo “cambios que afectan tanto ás características dos produtos destinados ao financiamento de compra dunha vivenda como ao prezo dos mesmos”

O representante dos consumidores amosa a súa preocupación por que se fale da recuperación do prezo da vivenda, xa que se sube, as posibilidades de acceso a ela serán menores pola diminución dos salarios que houbo coa crise

Como representante dalgúns afectados, o avogado Agenor Gómez non cre que a devolución destas cantidades vaia ter impacto no futuro do sistema hipotecario español, e acusa aos bancos de levar a cabo un “vitimismo” neste asunto

Agenor Gómez (avogado): “Os bancos, mediante unhas cláusulas prerredactadas e impostas aos consumidores transformaron hipotecas a tipos variables en hipotecas a tipo fixo que só poden subir. Así cubríanse das previsibles baixadas de tipos de xuro e facían recaer só sobre os consumidores as consecuencias negativas da crise financeira”

Miguel López Crespo (Ucgal): “Todos os usuarios que tiñan unha cláusula chan deberían ser indemnizados, absolutamente todos. Os criterios establecidos polo Tribunal Supremo na súa sentenza do 9 de maio de 2013 farán moi difícil que poida quedar fóra algunha hipoteca subscrita por un consumidor”

Herminio Carballido (axente da propiedade inmobiliaria): “Todos os que tiñan unha cláusula chan deben ser indemnizados, xa que estas devolucións son unha reparación ao abuso das entidades bancarias nos outorgamentos das hipotecas”

José Luis Campos (APEC Pontevedra): “Todos deberían ser indemnizados sen excepción. E non só os consumidores. Tamén as pemes sufriron o abuso da banca exactamente igual que os particulares. A posición dominante da banca sobre as empresas era e é incluso maior”

Eugenio Corral (APEC Lugo): “As xeneralizacións son malas. Haberá que estar a cada contrato e a cada contratante. Cómpre lembrar que a xustiza non consiste en dar a todos o mesmo, senón a cada un en función das circunstancias e merecementos”

Juan José Yáñez (Aproinco): “Probablemente non haxa que indemnizar a todos, ao menos a aqueles aos que se poida chegar á conclusión de que sabían o que asinaban, ben por ter un cabal coñecemento do significado real da devandita cláusula ou ben por posuír uns axeitados coñecementos e experiencia financeiros”

Dende o Colexio Notarial de Galicia afirman que “o Notariado cumpriu en todo momento coa obriga legalmente prevista, consistente en asesorar imparcialmente ás partes, con especial atención ao consumidor”. Ademais se ofrecen para solucionar o problema detectado polo TS mediante a súa intervención na fase precontractual

(Extracto do A fondo deste mes de febreiro)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)