“Veño cun cometido moi claro: pacificar a CEG e dinamizar unha organización que viña languidecendo”
Un día despois desta entrevista na sede do Club Financiero Atlántico, achegábase ata a CEP para traballar o seu apoio, prometéndolles máis vogais. Ao conselleiro delegado de Arias Hermanos tócalle, dende que foi elixido o 27 de xaneiro, fiar fino. Pero se é quen de acougar ánimos e atinar, pode apuntalar a feble casa dos empresarios galegos. Cómpre tentalo e, sobre todo, conseguilo.
Non tiveches vertixe de tomar a decisión de presentarte?
A CEG é hoxe un negociado difícil. Foi un proceso repentino, unha circunstancia case sobrevida. En cuestión de horas tiven que tomar a decisión, non me deu tempo a ter sensacións de ningún tipo. Pero un elemento determinou a decisión: a CEG non podía permitirse entrar nun período de interinidade. Así que ante iso, e dado que había un prazo moi curto –expúxoselle un xoves e o venres terminaba o prazo de presentación de candidaturas– pesou máis a gravidade da situación que calquera outra cousa. Tamén había outra proposta, que era dilatar o proceso, e unha terceira que era que aparecese outro candidato […]
Por que non chegou esa outra opción?
Terías que preguntarllo a que non a presentou. Houbo quen dixo que prefería un proceso de interinidade facendo referencia a un pacto. Pero A Coruña no se sentía vinculada con ese pacto e cando se tomou a decisión de presentar a candidatura fixémola pública. A Coruña manifestou que se sentía desvencellada de calquera pacto, xa que non se substanciara como tal ao haber unha provincial, Ourense, que dixo que tiña que consultalo. E a súa resposta, a través dos medios, foi ambigua pero daba a entender que o pacto non existía. E ademais –e o digo a título persoal–, cando analizabamos a posibilidade de pacto entendemos que adoecía de cousas que nos parecían básicas, como un principio democrático de orixe, non todas as partes implicadas participaban del. Non podíamos entrar nun período de interinidade e parecíanos que o pacto non resolvía o problema da CEG, non era realista.
Tes claro cal é o teu traballo?
Veño cun cometido moi concreto: pacificar a CEG, reorganizala para que acabe cumprindo o obxectivo para o que foi creada e dinamizar internamente a vida dunha organización que estaba languidecendo. É o que motivou a miña candidatura. E xa expresei na Asemblea que, unha vez que se cumpra o obxectivo –que se plasmará na modificación de estatutos–, porei o cargo a disposición. Cun novo marco e unha nova situación deberase elixir novo presidente. É o compromiso que adquirín.
Hai prazos marcados?
Pois non sei se nos vai levar seis meses, un ano ou os catro do mandato. Vai depender de todos. A figura do presidente nas organizacións empresariais é a do primus inter pares, representación e cara visible. Pero se non conta co apoio dos órganos de goberno non pode facer practicamente nada. Temos que conseguir que este proxecto sexa de todos. Neste momento hai unha maioría que dixo que si, que é o seu proxecto e que toca ir dando os pasos para conseguir o obxectivo.
Que tal estes primeiros días?
Son de toma de contacto pero ben, sen maiores sobresaltos.
Pasarás bastante máis tempo en Santiago…
Si, pero é lóxico, alí está a sede e estou vendo a situación para ir tomando as primeiras medidas. Pasados estes primeiros momentos entraremos nunha etapa de maior contacto exterior, pero Santiago sempre será unha referencia básica. Alí acontecen moitas cousas.
E que encabeza a túa lista de prioridades?
As primeiras decisións non as tomarei eu, senón o Comité Executivo, van ser decisións colexiadas. Hai que designar cargos que temos pendentes e tomar decisións vinculadas co crédito hipotecario, que espero que poidamos formalizar en breve. Tamén hai que decidir a asignación do secretario xeral, comisións internas pendentes de nomeamento… e quero tomar algunha medida de dinamización interna. Tamén quero dar pasos para que a reforma estatutaria se concrete, ver de que xeito artellamos o proceso. Así que estas primeiras medidas xa son bastantes.
Abriredes máis a CEG? Falo de redes sociais, foros… Non se percibiu como un organismo moi transparente, o que non favorece moito a súa imaxe.
É outro dos meus compromisos. Axudará moito á transparencia que as estruturas de goberno e todos os órganos sexan realmente representativos de cada membro da CEG. Temos que conseguir que ningunha parte se sinta desconsiderada en relación a outra. Xunto con iso hai que dinamizar as comisións internas e tomar unha posición conxunta ante todo tipo de temas. Queremos organizar debates, conferencias e presentacións de libros. Ser un elemento de participación. A CEG debe tomar postura ante cuestións como, por exemplo, a crise demográfica e como a empresa debe encarar esta realidade; ou sobre a robotización […]
(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 310 – marzo 2017)
Comentarios (0)