Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Catro persoas xa é unha superprodución”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 07 DE ABRIL DE 2017 · (0)




Moitos profesionais do gremio compatibilizan cine, televisión e teatro, pero Eduardo Alonso, actor, director e dramaturgo, subiu a un escenario e alí quedou, aínda que non lle importaría tentalo fóra. E poida que o faga. Con corenta anos de oficio sóbranlle méritos para recoller, como fixo, o premio de honra Marisa Soto na recente entrega dos María Casares de 2017. 

Algunha lembranza divertida dos primeiros días de oficio?

Pois unha vez, cando nos levaran a representar un entremés de Cervantes, La Guarda Cuidadosa, nunha praza da Coruña que non recordo… pero aquelo era como na Idade Media, coa xente bebendo viño e berrando arredor de nós!

Fuches o primeiro director do Centro Dramático Galego. Que pasou dende ese 1984, cando naceu?

Pasaron moitos anos así que deixámolo asentado para que durase. E viviu momentos con certa independencia artística, que é o que necesita. Pero nos últimos dez anos as cousas foron a peor, sen independencia artística porque depende do Agadic, un departamento da Consellería de Educación e Cultura. E fai, como moito, un espectáculo ao ano de 8-10 actores. Toda unha infraestrutura que consume esforzo persoal, material e económico cuns resultados moi cativos. Empeza a ser un problema a analizar seriamente.

De feito a Asociación de Actores e Actrices de Galicia pide unha comisión para abordar o sistema de selección de intérpretes. É certo que se seguen os parámetros da lei de función pública?

Efectivamente, como depende do Agadic, dende a institución din que teñen que aplicar esta lei para contratar. Pero esta lei está pensada para outras cousas, e o elenco é unha parte artística. Un pintor decide as cores do cadro e o director de escena é quen define o reparto, como acontece en todos os teatros do mundo.

Xunto a Luma Gómez levas con Teatro do Noroeste trinta anos. O teatro dá de comer?

Malamente. A maioría das actrices e actores viven da interpretación en xeral e grazas a que hai series de televisión. Hai quen traballa en varios espectáculos para poder sobrevivir e aínda así… non é aconsellable dedicarse a isto se queres facer cartos.

A xente prefire as producións máis clásicas? As pezas que lles soan?

Si, textos coñecidos, e mellor aínda se son comedias. Aos espectadores analízalos por como entran e por como saen, e estas pezas atraen e gustan. Pero tamén saen encantados con outras cousas.

Ti, por exemplo, traballaches As vodas de Fígaro, a autores galegos como Suso de Toro, musicais… onde estás máis cómodo?

Pois a verdade é que me sinto moi cómodo cos clásicos. Gustaríame moitísimo seguir a facer obras do repertorio habitual que hai en todos os teatros de Europa: Shakespeare, Moliére, Camus, Beckett, Valle-Inclán…

E que cho impide?

Pois que normalmente son textos que obrigan a repartos amplos con producións economicamente difíciles de abordar. E neste momento perdemos a capacidade de asumilos.

Porque… de que falamos cando falamos dunha produción pequena?

Catro persoas xa é unha superprodución nestes momentos. En Teatro do Noroeste temos feito espectáculos de 14 ou 15 actores, pero unha produción de 8 xa é grande.

Que condiciona máis: os custos de produción ou falta de apoios?

A falta de apoios, claramente. […]

(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 311 – abril 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)