Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A miña casa é túa



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 07 DE ABRIL DE 2017 · (0)




O 10 de maio entra en vigor o decreto que tentará ter baixo control administrativo as vivendas que se alugan para pasar uns días. Chegaron para quedar, no sector hostaleiro saben que teñen que competir con elas ofrecendo outros servizos, pero pedían o que agora se pretende: propietarios rexistrados e un mínimo de calidade garantida por lei, máis aló do agarimo de cadaquén coidando a súa casa.

Todos coñecemos webs onde ir á procura dun piso para compartir entre varios ou para que unha familia viva ao seu ritmo nos días libres que ten. […] O sector hostaleiro asumiu que tendo esta opción hai xente que tirará dela porque non pode pagar un hotel, ou porque prefire aloxarse nunha casa coma se fose propia, pero que haberá igual milleiros de clientes que valoren os servizos e o confort hoteleiros. O que reclamaban é que, de competir, que se faga con regras.

Na nosa terra o Clúster Turismo de Galicia ten calculado que hai unhas 30.000 destas vivendas de aluguer vacacional, pero a Xunta rebaixa a cifra entre 10.000 e 30.000, datos moi a ollo que cómpre concretar, un dos obxectivos do Decreto 12/2017 do 26 de xaneiro que entra en vigor en breve.

“Non nace para prohibir ni limitar, nace para regular unha oferta que existe e que está chamada a convivir cos aloxamentos hostaleiros”, asegura a ECO o clúster de turismo galego. “Estamos convencidos de que é perfectamente compatible coa oferta regrada. É máis: a incorporación suma” porque estas vivendas aumentan a oferta en áreas non urbanas, menos cubertas. Pero deben facelo cun mínimo de calidade, “e en consonancia coa oferta regrada”.  E esperan que sexan moitas as que se dean de alta no rexistro que xa está aberto.

Na mesma liña fala a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra liderada por César Sánchez-Ballesteros, que tamén coida que a oferta “non só é compatible, senón complementaria alí onde a infraestrutura hostaleira non está moi desenvolvida”, pero debe entrar nas estatísticas. “En turismo cantos máis sexamos, seremos máis fortes, sobre todo se traballamos en conxunto”. Quen ofreza o piso ou a casa debe ter feito unha serie de pasos entre Semana Santa e o verán, prazo que dá o Goberno galego.

Non todos están conformes

Turismo asegura que o decreto foi acordado co sector, coa Fegamp, coa Federación de Asociación de Vivendas Turísticas (Aviturga) e con varias asociacións de consumidores. Pero dende Aviturga négano e anuncian que recorrerán o decreto ao TSXG.

A presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aguín, ten aliados no camiño como a concelleira de Turismo de Cangas, Tania Castro. Dulcinea fala de “papelorio e restricións” e está contra de que o decreto converta aos concellos en axentes de cobro dos propietarios. Tampouco quere a limitación máxima de 30 días de aluguer ou que se prohiba alugar por habitacións, porque esta demanda é “cada día maior”. Teme ademais que para moitas vivendas antigas conseguir licenza de ocupación vaia ser complicado.

De aí que o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, pida atrasar a aplicación do decreto, entre outras cousas para facilitar a implicación dos municipios, malia recoñecer que a norma era “necesaria”.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 311 – abril 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)