Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Enfermidades cardiovasculares, a primeira causa de morte



REDACCIÓN · PUBLICADO O 24 DE ABRIL DE 2017 · (0)




Segundo as cifras facilitadas polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, en 2016 producíronse 476 accidentes laborais mortais en España en xornada de traballo. Deles, 219 foron por infartos ou derrames cerebrais, o que supón o 46 % do total dos accidentes mortais ocorridos durante a xornada de traballo no noso país. Ambos son, por tanto, a primeira causa de morte en accidente laboral en España. 

Non é algo estraño posto que as enfermidades do sistema circulatorio son a primeira causa de morte no noso país, tal como se desprende da Enquisa de Defuncións por Causa de morte do INE. Os últimos datos, correspondentes ao ano 2015, sitúan a taxa en 267,6 falecidos por cada 100.000 habitantes, e revelan un aumento do 5,8 % respecto ao ano anterior. E dentro deste grupo de enfermidades circulatorias, as enfermidades isquémicas do corazón (infarto, anxina de peito…) e as cerebrovasculares ocupan o primeiro e segundo lugar en número de defuncións. Ademais, en ambos os casos, produciuse un incremento de mortes respecto ao ano anterior, do 3,7 % no caso de problemas de corazón e do 3,1 % nas cerebrovasculares.

Se imos máis alá das cifras mortais, veremos o alcance da cuestión. No ámbito laboral as baixas por infartos, derrames cerebrais e outras causas naturais ascenderon o ano pasado a 1.407. Son datos que reflicten o grave problema que supoñen as enfermidades do sistema circulatorio […] 

O 90 % dos infartos pode preverse

“O 80 % das enfermidades cardiovasculares e ata o 90 % dos infartos pode preverse adoptando hábitos de vida saudable”. Desde Ibermutuamur, mutua colaboradora da Seguridade Social, destacan, esencialmente, tres: dieta equilibrada, práctica de exercicio moderado de maneira regular e abandono do hábito de tabaco.

Os especialistas inclúen neste ámbito preventivo a realización de controis de saúde. O Dr. José Enrique López Paz, do Instituto de Hipertensión e Medicina Vascular de HM La Esperanza, asegura que controlando adecuadamente a hipertensión arterial “pódese prever o 20 % da mortalidade coronaria e o 24 % da cerebrovascular”, de aí a importancia “de realizar controis e chequeos, especialmente a partir da mediana idade”.

O Dr. Álvaro Hermida, da mesma unidade, explica que actualmente é posible detectar a lesión orgánica subclínica, isto é “pódese coñecer o risco de sufrir o problema antes de notar os síntomas, o que permite realizar un diagnóstico temperá e preciso destas patoloxías e establecer o tratamento máis adecuado, co que se evitan moitas complicacións”.

Isto resulta especialmente importante se temos en conta que case o 30 % dos pacientes que sofren un infarto morre antes de chegar ao hospital, constituíndo o groso das mortes súbitas que ocorren no traballo, en casa e/ou na rúa. Debido a que estas mortes son extrahospitalarias, apenas se reduciron cos novos avances terapéuticos que se aplican na medicina hospitalaria, de aí a relevancia da prevención.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 311 – abril 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)