“Os delegados sindicais deberían ter formación financeira, sentar co empresario e tomar tamén decisións”
Unha empresa pode cumprir os pagos pero non ter futuro. Ou telo, pero con mudanzas. Un baixón na facturación e débedas non sempre abocan ao peche, pode haber segunda vida. Cómpre reaccionar a tempo, ser transparentes con acredores e traballadores e, sobre todo, eliminar o estigma do concurso. No número de maio tratamos os problemas derivados da insolvencia empresarial e falamos con Isaías González, economista, avogado e administrador concursal.
Por que hai tanto prexuízo cos concursos?
Porque os empresarios non ven a Lei Concursal como unha ferramenta, teñen un estigma con ela. Non queren ir ao procedemento nunca. Pero é a solución para empresas que teñen un negocio viable e levaron un pau porque o mercado está saturado. A Lei Concursal, para unha situación de previsible insolvencia, é o mecanismo perfecto, permite aclimatar a débeda ao volume de negocio.
E se non se fai uso dela?
Cando estiras a solicitude de concurso ata que xa non podes máis, cando os acredores atacan o teu patrimonio e non tes liquidez, é imposible que poidas continuar. E por iso o 95% acaba en liquidación, non é porque o negocio sexa necesariamente inviable. Pero o empresario, por ese rexeitamento a presentar o concurso, fai que non poida reestruturarse.
A regulación de emprego é a saída inevitable cando procuramos unha segunda oportunidade?
Se sei que vou ter problemas para atender obrigas e vou a mecanismos de reestruturación, podo facer unha regulación que, se cadra, non é extintiva. Pode ser unha suspensión temporal de contratos para non seguir cos empregados uns meses contraendo débedas con eles e a Seguridade Social. Porque ao final van reclamar os salarios con execucións, e administración e provedores tamén.
Que papel xoga na saída do proceso levar unha contabilidade rigorosa?
Ten que ser clara, pero moitos empresarios vena como un mal que lles esixe a lexislación, e a súa non é nin ordenada nin fiable. Non se quere dar información de como evoluciona o negocio por ese falso medo de que a competencia copie, ou de que os traballadores saiban moito, ou que esixan subidas de soldo. Pero a contabilidade é a ferramenta para tomar as decisións.
E que importante é, ante unha situación difícil, a comunicación cos traballadores?
Son receptivos? Coas persoas, non só na empresa senón na vida, hai que ser transparente. É certo que, polo menos, os delegados sindicais deberían ter algún coñecemento financeiro. Que os plans formativos tamén sirvan para darlles esa formación, que baixen as contas do Rexistro Mercantil, que senten co empresario e, como grupo de interese, tomen decisións. É máis: o regulamento que rexe os Expedientes de Regulación de Emprego recolle que os traballadores poden instar un ERE. Se teño formación financeira e detecto, grazas a unha contabilidade clara, que hai un problema, se cadra teño que falar co empresario. Pero non hai esa inquedanza. O que se provoca é que ninguén saiba nada, que cada un viva nun recuncho e haxa situacións de permanente confrontación. Cando decido non pagar soldos e non conto porqué, estamos a xerar un ambiente tremendo.
Son receptivos os sindicatos a isto?
Pola miña experiencia en ERES e concursos, cando sento a falar con avogados de sindicatos non teño problema. De feito convidáronme de CC. OO. e de UXT para que lles falase destes temas. Cando es transparente a xente é receptiva, pero se vas como unha mula, pois non.
(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 312 – maio 2017)
Comentarios (0)