Por unha industria intelixente
A tecnoloxía do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, participado polas tres universidades galegas, permitiu resolver problemas nos sectores da enerxía, materiais, automoción, informática e telecomunicacións, aeronáutica, loxística e medioambiente.
Con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago e integrado por un equipo humano de máis de 100 persoas, o Itmati vén de presentar unha exitosa traxectoria de cinco anos, na que desenvolveu arredor de 60 proxectos en sectores tan diversos como os da enerxía, os materiais, o naval ou o medioambiente. Un lustro de vida no que, segundo a súa directora, Peregrina Quintela Estévez, que é catedrática de Matemática Aplicada da USC, “o obxectivo do centro é aunar o coñecemento, a experiencia e as capacidades dos investigadores galegos máis cualificados no ámbito da Matemática Industrial” para “poñelos ao servizo de empresas e administracións públicas”.
Camiño desa meta, a responsable do Itmati asegura que o equipo que traballa no instituto pon a disposición dos sectores público e privado “o gran potencial da tecnoloxía matemática, que achega un gran valor engadido ao tecido empresarial, optimizando os seus sistemas, produtos e servizos, axudando de forma activa á mellora da súa competitividade e, por tanto, á súa sostibilidade”.
Segundo se puxo de manifesto na presentación da memoria do instituto, a súa cifra de negocio dende a súa creación ascende aos 4.502.120,35 euros, e só no ano pasado obtivo unha facturación (sen IVE) de 1.585.513,83 euros, dos que o 89,37% foi captado a través de contratos e proxectos competitivos de transferencia, cun incremento de ingresos con respecto ao ano 2016 dun 41,91%. Así, os resultados económicos do centro indican que será auto-sostible a medio prazo, de modo que o seu presuposto chegue a basearse principalmente no financiamento privado ou obtido a través de proxectos competitivos.
Dende a súa constitución, o Itmati puxo en marcha 61 contratos con empresas e entidades, entre os que se inclúen varios no marco de convocatorias Feder Innterconecta, Conecta Peme, proxectos estratéxicos e PDI xestionados polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), un proxecto do Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (CIEN) xestionado por CDTI, proxectos competitivos, contratos directos con empresas, proxectos en varias convocatorias do goberno noruegués, convenios de colaboración tecnolóxica con institucións e entidades, cursos de formación, unha unidade mixta de investigación con Repsol dentro dunha moiy esixente convocatoria da Axencia Galega de Innovación e varios proxectos europeos dentro do programa H2020.
Áreas de transferencia
Todos estes contratos céntranse en tres grandes áreas de transferencia: Simulación, Estatística e Big Data, e Optimización. En 2017 destaca a área de Simulación Numérica, que representou o 58,52% da actividade do centro; seguida pola de Estatística e Big Data cun 24,41%, e a de Optimización cun 17,06%. As solucións achegadas nestes proxectos integran a tecnoloxía matemática máis innovadora e avanzada para contribuír de forma decisiva a xerar valor engadido en múltiples sectores de actividade económica.
Esta tecnoloxía permitiu ao centro resolver problemas de grande interese en practicamente todos os sectores industriais, en particular nos da enerxía, materiais, automoción, informática e telecomunicacións, aeronáutica, loxística e medioambiente. As solucións achegadas abarcan temáticas tan variadas como o control de calidade, a simulación e optimización de procesos e recursos, a xestión e axuda na toma de decisións e na planificación de recursos ou a explotación da información de grandes bases de datos.
Cara á industria 4.0
Tal como manifiesta Peregrina Quintela, “a pesar da súa corta traxectoria, Itmati estase convertendo nun instrumento clave na que será a cuarta revolución industrial, posto que reúne o coñecemento para a aplicación dun conxunto de tecnoloxías que fan posible todo o potencial da industria 4.0. Neste sentido, as ferramentas de modelización, simulación numérica, modelización estatística (Big Data) e optimización, das que fai uso o centro, son tecnoloxías facilitadoras claves á hora de falar de industria intelixente. Por tanto, a Matemática Industrial é a base para que a actividade das empresas evolucione cara o concepto de industria 4.0. No proceso de converter a industria en intelixente, vinculando o mundo físico ao virtual, Itmati está chamado a ser un referente para a industria galega, o conxunto da española e a internacional, tal e como se pode constatar nos seus múltiples casos de éxito”.
Comentarios (0)