Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As cámaras coruñesas elixen a Miramar Cruises Peme do Ano 2018



REDACCIÓN · PUBLICADO O 19 DE OUTUBRO DE 2018 · (0)



A empresa coruñesa, especializada na venda online de cruceiros turísticos, recibiu o galardón xunto a Gairesa, Mecanizados Acebrón e Cofrico, que conseguiron os accésits de Internacionalización, Innovación e Dixitalización, e Formación e Emprego, respectivamente.


O xurado valorou especialmente a achega de Miramar Cruises á creación de emprego no pasado ano, en concreto en relación ao emprego indefinido; así como as accións de internacionalización realizadas en 2017, con especial interese á evolución das exportacións e investimentos exteriores, apertura de novos mercados e exportación de novos produtos; as iniciativas no eido da innovación e a dixitalización, e as actividades de formación organizadas pola empresa para os seus traballadores o pasado ano.

Miramar Cruises, empresa que ten a súa sede no Polígono de A Grela, na Coruña, seis anos de traxectoria e pioneira en Galicia no seu segmento de actividade, foi recoñecida entre as mellores axencias online de Europa polas navieiras máis importantes do sector cruceirista mundial, como Royal Caribbean, MSC Cruceros ou Costa Cruceros. Como unha das compañías líderes na comercialización online de cruceiros en España, Iberoamérica e Francia, a axencia está conformada por un equipo de 20 persoas, multidisciplinar e con ampla experiencia no sector turístico en xeral, e no segmento cruceirista en particular.

O director xerente de Miramar Cruises, Hugo Iglesias Docampo, foi o encargado de recoller o premio. Agradeceu a distinción e destacou que a súa empresa é actualmente líder do seu sector, con 20 traballadores e presenza internacional, chegando a embarcar xa a 30.000 persoas en cruceiros.

Accésits

Ademais do Peme do Ano 2018 da Coruña, as cámaras coruñesas outorgaron tres accésits. O de Internacionalización foi para Gairesa, unha empresa do sector químico ubicada en Fene (Ferrol), que é líder en formulación e fabricación de resinas epoxi, poliuretanos e pinturas arquitectónicas. Enxeñaría civil, naval, eólica, aeronáutica, automoción, deportes ou decoración son os principais sectores demandantes dos produtos, que se deseñan e producen nos seus laboratorios de I+D+i.

O accésit de Innovación e Dixitalización recaeu en Mecanizados Acebrón, empresa situada en As Pontes, que ofrece aos seus clientes solucións de fabricación, incluíndo a fabricación completa de conxuntos e subconxuntos mecánicos, probas de calidade, pre-montaxes, mantemento industrial e reparacións. Os principales sectores para os que traballa son o enerxético, aeroespacial, portuario e de bens de equipo.

Por último, o accésit á Formación e o Emprego concedeuse a Cofrico, compañía situada na parroquia de Guísamo, en Bergondo, que deseña e mantén instalacións de refrixeración industrial e comercial, climatización industrial e comercial, e hostalaría industrial. Conta con 175 empregados, 18 delegacións e puntos de servizo en toda España, e un volume de facturación media de 25 millóns de euros. En canto á formación, a empresa incrementou un 20,97% o gasto neste eido, cun 68,18% máis de persoas que recibiron algún tipo de formación durante 2017. Se incrementou también nun 75% o número de persoas en prácticas.

Peme do Ano de España

Como gañadora do premio Peme do Ano da Coruña, Miramar Cruises concorrerá ao Premio Peme do Ano 2018 de España, que se elixirá entre as gañadoras de todas as provincias nas que se convocou o premio. O nome da compañía vencedora coñecerase nos primeiros meses de 2019, nun acto que se celebrará en Madrid.

O galardón Peme do Ano da Coruña foi convocado por segundo ano consecutivo polo Banco Santander e as cámaras de comercio de Santiago de Compostela e A Coruña, en colaboración coa Cámara de España e o diario La Voz de Galicia. O acto, que se celebrou na sede da Cámara de Santiago, contou coa presenza do seu presidente, José Sierra; o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz; o deputado provincial de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luis García; a directora territorial de Banco Santander, Rosario García Alonso; a subdirectora de Desenvolvemento Corporativo da Cámara de España, Beatriz Martín, e o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)