Matemática para a industria
Expertos internacionais presentarán os días 22, 23 e 24 de xullo en Santiago os avances máis innovadores das matemáticas para resolver problemas da industria e da sociedade. Trátase do I Congreso sobre Transferencia entre Matemática e Industria.
Organizado polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, o congreso reunirá a destacadas personalidades procedentes de diferentes países de Europa, América, África e Asia, que tratarán de promover o uso das matemáticas máis innovadoras na industria. Desta forma, a finalidade do encontro é a promoción e difusión de ferramentas matemáticas, como a estadística, o big data ou o modelado, simulación e optimización, xunto ás súas aplicacións industriais. Así, se presentarán novas liñas de investigación orientadas á necesidades da industria e da sociedade en xeral, e se darán a coñecer algunhas experiencias singulares de transferencia de resultados á industria.

Os objetivos van dirixidos a mostrar como a colaboración entre o mundo académico e a industria permitiu abrir novas liñas de investigación no eido das matemáticas e a súa reflexión en publicacións de impacto internacional; dar a coñecer as infraestruturas existentes que axudaron a promover a transferencia de coñecemento matemático ao sector produtivo, e o compromiso especial da comunidade matemática internacional para facilitar a transferencia de coñecementos á industria. Polo tanto, a colaboración entre expertos da industria e investigadores preséntase como un factor clave para abordar os problemas de innovación tecnolóxica e axudar ás empresas a mellorar os seus procesos, neste caso a través das matemáticas. Por outra banda, incidirase na necesidade de renovación dos plans de estudo neste eido e en todos os niveis educacionais de cara á formación óptima das novas xeracións de matemáticos.
Tamén haberá unha actividade paralela de divulgación da tecnoloxía matemática á sociedade en xeral. Será o 23 de xullo no Auditorio Abanca de Santiago. Antonio Pita Lozano, responsable global de Consulting & Analytics en LUCA, Unidade de Datos de Telefónica, ofrecerá a conferencia “Datos e matemáticas.Os propulsores das compañías data driven”, na que falará sobre o valor do dato para as empresas, xa que se considera un activo estratéxico das compañías que están realizando a súa transformación dixital. Durante a súa intervención explicará que o reto actual é extraer todo o valor dos datos. Para iso utilízanse modelos matemáticos de intelixencia artificial e estatística co obxectivo de aumentar os ingresos empresariais, reducir os custos mediante modelos de eficiencia e mitigar os riscos para mellorar a xestión empresarial.
Edicións bianuais
Trátase da primeira edición deste congreso, que está promovido pola Rede Española Matemática-Industria (math-in), pero se prevé que teña continuidade en edicións bianuais. O CTMI 2019 é un encontro satélite do Iciam 2019 (International Congress on Industrial and Applied Mathematics), un congreso que se celebra cada catro anos. A anterior edición foi en Pequín e a próxima terá lugar en Xapón. Este ano celebrarase en Valencia a semana previa ao CTMI 2019 de Santiago e está previsto que asistan máis de 4.000 congresistas.
O Consorcio Itmati, creado en 2013, supuxo un fito importante de agregación de recursos entre as tres universidades galegas para promover a transferencia de tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas. A súa principal misión é contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade na contorna industrial e empresarial, mediante o desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada. Deste modo afiánzase e potencia o polo da matemática industrial en Galicia como un referente tanto a nivel estatal como internacional.
Comentarios (0)