Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os economistas piden adecuar a Lei Concursal á nova Directiva de Insolvencia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



O estigma que supón para unha empresa a publicación dos acordos de refinanciamento homologados xudicialmente fronte á non publicación fai que haxa máis dos segundos. Así o aseguran os representantes do REFOR reunidos no XIII Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal e Societario, organizado polo Consello Galego de Colexios de Economistas hoxe e mañá en Santiago.


Os economistas insisten na necesidade de que se traspoña canto antes a Directiva europea tras a súa publicación en xuño de 2019 o que, ao seu xuízo, axudaría a dinamizar as solucións concursais de reestruturación e segunda oportunidade, aínda de escasa utilización no noso país. Na apertuta desta mañá estaban o presidente do Consello Xeral de Economistas de España, Valentín  Pich; o presidente do REFOR, Alfred Albiol; o presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas, Miguel Ángel Vázquez Taín, e o codirector do Encontro, Ramón Juega.

Na capital galega danse cita cita máis de 200 administradores concursais e por iso presentouse o Atlas Concursal 2019, elaborado polo Rexistro de Economistas Forenses. Os últimos datos sobre as principais variables relacionadas coa insolvencia no noso país (concursos de acredores, mediacións, refinanciamentos, segunda oportunidade, pagos do  Fogasa…), analizando a evolución temporal e establecendo comparacións entre comunidades autónomas e países da Unión Europea, foron comentados. E definíronse posibles ineficiencias e asimetrías dos nosos mecanismos con propostas de mellora. Cabe destacar que incluíronse tamén estatísticas de operacións electrónicas a través do sistema LexNET do Ministerio de Xustiza por ser unha canle en continuo crecemento con máis de 74 millóns de notificacións electrónicas en 2018.

Durante 2018 produciuse un estancamento concursal: tanto dos concursos de empresas como dos de persoas físicas, con cifras similares 2017. O País Vasco e a Comunidade Valenciana, cun 0,17%, son as CCAA nas que houbo maior número de concursos en relación ao seu número de empresas. Séguenlle Cataluña, cun 0,16%; Asturias e Murcia, cun 0,15%, e Madrid, cun 0,14%. Galicia, cun 0,09%, sitúase en niveis baixos respecto da media do total nacional

En canto aos concursos de acredores de persoas físicas, experimentaron un incremento do 0,8%. Unha leve subida. Para os economistas do REFOR, este estancamento pode deberse a que o crédito público –débedas con Facenda e Seguridade Social– non está incluído nos procedementos de segunda oportunidade, polo que non todas as persoas insolventes poden acollerse aos mesmos, o que veu desincentivando a utilización. En relación ao número de pagos do Fogasa, en 2018 continúa sendo superior ao número de concursos, o que indica que moitas empresas insolventes seguen sen acudir ao concurso de acredores e os cesamentos de actividade non están reflectidos nas cifras oficiais.

Procedementos preconcursais

Polo que se refire aos acordos de refinanciamento homologados xudicialmente, o seu número é aínda reducido sendo un procedemento pouco utilizado. Comparando o intervalo xaneiro-agosto de 2018 e de 2019, estes pasaron de 50 a 43. Con respecto ás solicitudes de refinanciamento non homologadas xudicialmente foron 3.587 en 2018, un incremento do 8,4%. Cataluña, con 861, encabeza o número de refinanciamentos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)