Publicidade


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os GALP pontevedreses organizan para o 24 e o 25 unha xornada internacional de turismo mariñeiro e pesca-turismo



REDACCIÓN · PUBLICADO O 03 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)



Acompañar aos traballadores do mar durante a faena e coñecer en que consiste o seu labor, que aparellos empregan, que especies capturan, en definitiva, achegarse á súa profesión e á súa relación co noso Atlántico, é o que ofrece o turismo mariñeiro. Unha experiencia para descubrir todo o esforzo que hai detrás dun mexillón, unha ameixa ou un sargo.


O GALP Ría de Pontevedra, en colaboración cos da Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, traballa para que desde o sector se animen a poñer en marcha este tipo de iniciativas e divulguen o seu ben facer e a calidade do produto local, no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, que se atopa na súa terceira fase de execución.

Os vindeiros 24 e 25 de setembro celebrarase a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-Turismo, así como tres actividades para divulgar o marisqueo entre a comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal. Así o acordaron na reunión mantida onte en Marín a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas; a xerente do GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo MartínezPaula Pardo Fernández, representante da Asociación Mar Seguro de Galicia; Mª Teresa Ramos Covelo, técnica de Babadiva Ambiental, e Loreto Alonso Santoro, de Spica sistemas audiovisuais.

A crise do coronavirus fixo que o programa previsto para a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-Turismo tivese que mudar cara a unha fórmula que combinará conferencias online e presenciais. O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a primeira xornada do congreso o día 24 de setembro, de 16.00 a 19.00 horas. Tras a inauguración e presentación da xornada, que poderá seguirse en streaming, darán comezo as seis exposicións, tres delas online. As exposicións farán unha radiografía do estado no que se atopa o turismo mariñeiro en Europa e relatarán algunhas das experiencias que se están a desenvolver en Galicia, Portugal ou Cerdeña (Italia). Ademais, informarán sobre os resultados do programa Mar das Illas 3.

As entidades e persoas interesadas en acudir a este encontro deberán inscribirse previamente; o aforo será para un máximo de 30 asistentes. Todos eles estarán obrigados a cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias pertinentes (uso de máscaras faciais, xel hidroalcohólico e distancia física).

Visita guiada

A Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo continuará o 25 de setembro coa realización dunha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas con saída e chegada desde Cangas, na que participarán esa trintena de persoas anotadas previamente.

A finais deste mes, tamén se poñerán en marcha tres xornadas abertas á cidadanía co obxectivo de que os mariscadores das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo lles conten aos visitantes como é o seu día a día na praia, que aparellos e técnicas utilizan para mariscar, e os trazos característicos de cada especie. Trátase dunha actividade dirixida á comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal.

Este ano naceron ao abeiro deste proxecto seis novas iniciativas: tres de turismo mariñeiro e tres de pesca-turismo. Desde Sanxenxo, Sauro Martínez Durán, lles explicará aos viaxeiros todo sobre a pesca artesanal, e Francisco Javier Costa García, desde Cangas, fará o mesmo coa pesca con palangre. Pola súa banda, Rosa María Millán Romero, na Pobra do Caramiñal, e Severino Casal Viz, en Redondela, ocuparanse de dar a coñecer as características do marisqueo a pé. E en Vilanova de Arousa, Eduardo Martínez Romero informará sobre o cultivo do mexillón e José Manuel Agulla Piñeiro descubriralles a cultura mariñeira da vila de Bueu.

O proxecto de cooperación Mar das Illas conta coa colaboración do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial das Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia. Está financiado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)