Nace a primeira iniciativa de ecoturismo mariño-científico de Galicia
Liderada pola oceanógrafa nigranesa Diana Zúñiga, North Wind-Sailing for Science baseáse na filosofía slow travel. Roteiros en veleiro para concienciar sobre educación ambiental e protección dos fondos mariños nas Rías Baixas, un dos ecosistemas con maior diversidade biolóxica do mundo. Tamén promocionará a gastronomía local.
Zúñiga, tras máis de 15 anos dedicada ao estudo do papel do océano sobre o clima e á xestión sostible dos recursos mariños de Galicia, pretende non só transmitir a súa paixón polos océanos, senón concienciar dunha maneira de viaxar máis responsable. Tamén ofrecerá talleres formativos deseñados especificamente para centros educativos.

Sempre en veleiro, un dos medios de transporte máis respectuosos co medio ambiente nun intento de reducir a pegada de carbono. Ademais, minimiza os danos no leito mariño ou os niveis de contaminación acústica submarina, unha das maiores ameazas para estes ecosistemas. A filosofía a bordo será “cero plásticos” e os itinerarios estarán enfocados tamén á promoción do produto e a gastronomía local.
O proxecto nace no marco Sherpa do Mar integrado no Programa de Cooperación Transfronteiriza INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cofinanciado nun 75% por fondos FEDER, cuxa finalidade é poñer en marcha unha rede transfronteiriza de emprendemento no ámbito mariño-marítimo. Está liderado pola Universidade de Vigo, Campus do Mar e nel participan o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación ( GAIN) e as universidades de Santiago e A Coruña. Por parte de Portugal, participan a Associacão de Transferência de Tegnologia de Asprela ( UPTEC), a Ou.Porto- Innovação da Universidade do Porto ( UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental ( CIIMAR) e Fórum Oceano- Associação dá Economia do Mar.
Comentarios (0)