Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Lidia Fraga incorpórase a CTV como guionista tras unha longa lista de éxitos



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 17 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Ela está detrás das coñecidas series galegas Padre Casares e Serramoura, profesional catro veces gañadora do Premio Mestre Mateo. Agora a oleirense traballa o guión dun proxecto da produtora compostelá, un thriller de temática paranormal, O círculo de Gaia, que promete enganchar ao público xuvenil.


A trama conta como alumnos e profesores da antiga Universidade de Gaia investigan fenómenos paranormais recollidos nun misterioso libro que atopan nun arquivo. A serie terá oito capítulos de cincuenta minutos cada un en localizacións galegas, unha coprodución internacional de CTV que contempla a colaboración con Comarex, distribuidora e produtora mexicana cun gran peso no mercado audiovisual latinoamericano. “A experiencia de Lidia fará que a serie adquira maior dimensión e calidade”, asegura Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo de CTV.

A produtora audiovisual CTV suma un novo e gran profesional ao equipo, a guionista Lidia Fraga. O seu primeiro traballo será desenvolver este guión, proxecto que tira adiante ao abeiro das axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiado por Fondos FEDER a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. 

Lidia Fraga, nada no coruñés concello de Oleiros, é unha guionista e realizadora con 22 anos de experiencia no audiovisual galego. O seu debut en series foi Padre Casares (TVG), candidata a catro Ninfas de Ouro no Festival de Televisión de Montecarlo. Traballou en dezaseis series (sete de creación propia) emitidas en España, Portugal, Brasil, Francia, Alemaña, Estados Unidos e Rusia, entre outros países. Aínda que escribe todo tipo de formatos e xéneros, nos últimos anos especializouse en thrillers, como Serramoura (TVG), catro veces gañadora do Premio Mestre Mateo a Mellor Serie; A Estiba (TVG), nomeada a Mellor Serie no Celtic Media Festival; ou Hierro (Movistar+), coprodución hispano-francesa pola que recibiu o Premio Mestre Mateo ao mellor guión, e o Premio ALMA ao mellor guión de serie dramática. O seu traballo máis recente foi no thriller Montecristo, protagonizado polo famoso actor cubano William Levy, serie ​que se estreará en 2023 en ViX+, servizo de streaming de pago en español máis grande do mundo.

De que vai o círculo de Gaia

Suspense de temática paranormal destinado a un público xuvenil que segue referencias como as series de Netflix Stranger Things (2016), Dark (2018) ou Ragnarok (2020). Ghaleb Jaber Martínez explica que as claves do proxecto son a temática paranormal, cun índice de saturación baixo no mercado audiovisual e cun fenómeno fan bastante fiel; e a trama estudantil, que permitirá a incorporación orgánica de personaxes doutros países á serie, que ademais será adaptable a público de calquera país ao abordarse temas universais. Así, a serie está destinada a un público xuvenil (15-25 anos) e young adult (25-35 anos), e apela á nostalxia millenial pola súa estética e referentes, aínda que tamén é capaz de conquistar a un público máis novo, o da Xeración Z, o maior consumidor de contido online. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)