Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os moitos beneficios económicos, sociais e laborais das comunidades enerxéticas de renovables para o rural galego



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 18 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Menos custos enerxéticos e emprego entre eles. Así o afirman dende o Colexio de Enxeñeiros de Camiños en Galicia, que tamén avisa que "a realidade vai moito máis rápido que a lexislación”. Juan Bautista, interventor da Deputación da Coruña, suxire ás Administracións que cedan aos cidadáns o papel de promotores e que eviten trabas "fomentando estímulos fiscais"


Bautista pide para iso reducir impostos como o IBI ou o ICIO. Estímase que as comunidades enerxéticas locais representarán o 17% de toda a produción de enerxía eólica e o 21% da produción total de enerxía en Europa para 2030. O decano da Demarcación do Colexio en Galicia, Enrique Urcola, explicou esta mañá na Xornada de difusión sobre comunidades enerxéticas de renovables no medio rural, organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos en Galicia na Fundación Barrie (A Coruña), que "as empresas da zona poderían encargarse da instalación e mantemento das placas solares e isto facilitaría a transición de emprego cara a postos relacionados coas enerxías renovables".

Preto de 300 persoas, de forma presencial e telemática, participaron esta mañá na cita inaugurada polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o presidente do Colexio, Miguel Ángel Carrillo; o reitor da UDC, Julio Abalde. Para Carrillo “as comunidades enerxéticas no medio rural contribúen a acelerar a transición cara a un sistema enerxético sen emisións de CO2”, lembrando as competencias destes enxeñeiros para facer o proxecto, construción, conservación, explotación, modificación e reparación de centrais e instalacións de aproveitamento de enerxías renovables, incluíndo as de autoconsumo.

Pola súa banda, Gonzalo Trenor destacou que estamos a vivir “un momento frenético coa enerxía e temos que traballar para converter os problemas en oportunidades. E as comunidades enerxéticas son unha oportunidade”. Un reto recolleito polo reitor da Universidade da Coruña, para quen “as comunidades enerxéticas son ademais viables desde un punto de vista económico e social”, pero alertou que “desde o coñecemento e a investigación aínda hai que seguir ofrecendo solucións”.

Unha comunidade enerxética é unha entidade xurídica de participación voluntaria e aberta controlada por accionistas ou membros que poden ser persoas físicas ou xurídicas (entre outras: asociacións, cooperativas, organizacións sen ánimo de lucro e empresas) e administracións locais, autonómicas ou nacionais.

Debate

Na primeira mesa, “As Comunidades Enerxéticas de Renovables”, tratáronse aspectos máis teóricos sobre as comunidades enerxéticas e presentáronse distintos modelos, Así, Enrique Rojo, membro do Comité de Auga, Enerxía e Cambio Climático do CICCP falou sobre o papel das comunidades enerxéticas de renovables no seu papel na loita contra o despoboamento en rural.

O  irector do departamento de Enerxía do Inega, Juan Rodríguez, presentou as liñas de apoio para proxectos de autoconsumo mentres que director da División de Enerxía do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Santiago Rodríguez, apuntou que “o éxito das comunidades enerxéticas vai depender do avance tecnolóxico e dos cambios regulatorios necesarios”. Finalmente, Oriol Sarmiento, xerente Agrupación industrial Enerxías Renovables Galicia, lembrou a oposición social a macroproxectos renovables: “miles de manifestantes critican o impacto ambiental e social das grandes plantas no campo baixo o lema renovables si, pero non así”. Por iso declarou que as comunidades enerxéticas son “un reto non só desde o punto de vista social, senón tamén social. A demostración de que un modelo enerxético en mans das persoas é posible. Un cambio de modelo de grandes macroproxectos onde a enerxía xérase en grandes centrais e os usuarios pagan a factura; a unha xeración distribuída con pequenos produtores que se converten en usuarios activos”.

Exemplos prácticos

A segunda mesa, “A sociedade civil e as Comunidades Enerxéticas en Galicia” foi un debate no que os relatores coincidiron en destacar que a sociedade está a avanzar moito máis rápido que a lexislación, o que está a producir importantes problemas. Así, José Ramón Rioboo, delegado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible da Deputación da Coruña, lamentou que a información sobre comunidades enerxéticas non está a chegar aos cidadáns. Unha visión compartida por Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo, quen alertou fronte a “trabas burocráticas” que impiden o desenvolvemento mentres Manuel Rodríguez, alcalde de Coles e representante da FEGAMP, engadiu que “o outro problema é acceder á rede de distribución por parte das empresas enerxéticas”.  



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)