O robot Robobo, desenvolvido por investigadores da UDC, segundo premio de Concurso Smart Toys de Emiratos Árabes Unidos
O catedrático en Computación e Intelixencia Artificial do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña, Fran Bellas, recollía onte en Dubai o recoñecemento deste certame organizado polo Centro para a Cuarta Revolución Industrial da federación árabe. Este robot está dirixido a estudantado de secundaria e bacharelato que xa ten algunha experiencia en robótica e programación.
Co material didáctico asociado aprenden ademais conceptos básicos da Intelixencia Artificial aplicada á robótica utilizando o seu propio móbil como núcleo do robot. Robobo utiliza tecnoloxía a custe moi baixo e pode actualizarse con sucesivos smartphones. O seu desenvolvemento, ademais, deu lugar á creación da empresa spin off da Universidade da Coruña, MINT.

Os finalistas foron avaliados por xuíces internacionais que se centraron, sobre todo, nos aspectos éticos do xoguete, ademais de ser testados por nenos e nenas que os usaron durante varios días. O premio ten como obxectivo tamén determinar os valores e os principios que conteñen estes xoguetes de forma que contribúan a unha “aprendizaxe creativa”.
O grupo de investigación que hai detrás de Robobo ten experiencia como profesores universitarios de Enxeñaría e Robótica Intelixente. Ademais son pioneiros na introdución da Intelixencia Artificial na educación xeralista, desde secundaria ata a universidade, desenvolvendo material docente adaptado ás diferentes etapas. O profesor do Grupo Integrado de Enxeñaría Fran Bellas liderou un equipo de traballo internacional que desenvolveu os contidos dunha materia de Intelixencia Artificial para Secundaria e Bacharelato para centros educativos de Europa. O proxecto “AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School” desenvolveuse de 2019 a 2022, cando se presentaron os resultados nun acto no Campus Industrial de Ferrol. Contou coa colaboración de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).
Como continuación desta investigación, acaban de poñer en marcha un segundo proxecto financiado pola Unión Europea “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market (AIM@VET)” en colaboración con universidades e centros de FP de Eslovenia, Portugal e España (o CIFP Rodolfo Ucha, de Ferrol) para realizar o plan de estudos dunha materia de IA para alumnado de Formación Profesional.
Comentarios (0)