O capital natural como nova base da economía
Galicia conta con 182 monumentos vexetais cuxo valor económico supera nalgúns casos o millón de euros. A taxación faise segundo a Norma Granada, o método de valoración de arboredo de maior difusión internacional en lingua española. Ademais pode empregarse en casos de expropiacións, para calcular indemnizacións e en ordenanzas e normas urbanísticas.
Esta será o tema da conferencia que terá lugar mañá mércores no marco das xornadas Luis Asorey, promovidas pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo no seu Salón de Actos. Antonio Rigueiro, catedrático da USC e académico da RAGC, falará ás 19:00 do capital natural e os servizos ecosistémicos como nova base da economía na súa conferencia “Árbores senlleiras de Galicia: un patrimonio natural valioso”.

Galicia conta desde o ano 2007 co Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, “un catálogo oficial de árbores e formacións sobresaíntes e insubstituíbles, que representan un patrimonio natural e cultural importante e valioso”, explica o experto. Na súa intervención analizará a evolución histórica desta catalogación. Na actualidade reúne 182 monumentos vexetais: 144 árbores e 38 formacións ornamentais ou grupos de árbores. É un catálogo vivo, ao que se seguen a incorporar exemplares e formacións e tamén se descatalogan outros que morren ou perden os valores que motivaron a súa inclusión.
“As provincias que achegan máis elementos son A Coruña e Pontevedra, posto que a maioría atópanse en parques e xardíns públicos e privados e é na fachada atlántica de Galicia onde temos os mellores espazos axardinados tanto públicos como privados, destacando os pazos”.
Os valores ou méritos que se teñen en conta para catalogar
Son variados: dendrometría (medida das dimensións, forma e volume), idade, aspectos culturais e científicos... A maior parte dos galegos catalogados fórono pola súa dendrometría e idade, xa que se trata de árbores centenarias de grandes dimensións. Así temos os exemplos o castiñeiro de Pumbariños, en Manzaneda (Ourense), cun dos troncos de maior diámetro de Galicia (12,15 metros); o souto de Catasós, Lalín (Pontevedra), no que medran os castiñeiros de mellor porte forestal de Europa segundo técnicos da FAO; o carballo de Cartelos, Carballedo (Lugo), un dos máis altos de Galicia e de España (35 metros); ou o chamado popularmente “o avó”, un eucalipto do Souto da Retorta de Chavín, en Viveiro (Lugo), dos máis grandes de Europa (61,78 metros de altura).
En canto á valoración económica, destaca a camelia "Pantalones" do Pazo de Lens, no concello coruñés de Ames, valorada en 1.608.229,96 €, o exemplar ornamental máis valioso de Galicia. Ou o valor do castiñeiro de Soutogrande, en Vilariño de Conso (Ourense), que ascende a 758.957,56 €.
Catro décadas de investigación no eido forestal
Antonio Rigueiro é un notable enxeñeiro de Montes pola Universidade Politécnica de Madrid que investiga os efectos ecolóxicos do cultivo dos eucaliptos, a ecoloxía dos montes galegos, botánica e sistemas silvopastorais, sendo pioneiro no desenvolvemento de proxectos de investigación competitivos na liña de investigación de silvopastoralismo. Agora coordina o grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais da USC.
É membro do Comité de Árbores Senlleiras, do Consello Reitor da Reserva da Biosfera dos Ancares; presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume; e membro da Sociedad Española de Ciencias Forestales, da Sociedade de Ciencias de Galicia e do Consello Forestal de Galicia.
Comentarios (0)