Asime inaugura a súa oficina Acelera Pyme Rural na provincia de Coruña
Este é un proxecto que impulsa Red.es para dar soporte a pemes, emprendedores e autónomos á hora de incorporar novas tecnoloxías aos negocios, con especial atención en zonas rurais. Mañá no Hotel San Briz, A Pontenova, será o acto de inaguración da oficina da provincia de Lugo. Ao encontro de hoxe, celebrado nas Pontes, asistiron máis de 20 empresas.
Tratábase de escoitar de primeira man qué ofrece esta oficina, que prestará apoio a calquera sector e actividade. Tanto nesta como na de Lugo informarase sobre a adopción de tecnoloxías. “A forma de relacionarse cambiou e as empresas estamos obrigadas a adaptar os nosos plans de negocio e operacións a esta nova contorna dixital", dixo Rebeca Acebrón, Vicepresidenta de Asime, que abriu o acto.

“Queremos acompañar a todas as empresas da provincia nese paso á fronte, para acometer xuntos cambios estruturais no tecido empresarial, que nos axuden a facer dos nosos sectores unha referencia cara ao exterior”, engadiu Acebrón. “Confiamos plenamente en que esta oficina da Coruña permita a todas as pemes e emprendedores contar cun soporte de asesoramento marcando un antes e despois nos seus procesos produtivos e ao tempo establecer un cambio de paradigma nas empresas do rural de Galicia”, concluíu Acebrón.
María Campos, técnica de innovación de Asime, aproveitou a oportunidade para explicar en detalle a Oficina e que vantaxes supón para as empresas: “buscamos que as empresas integren plans estratéxicos enfocados ao dixita. O soporte que ofrecen estas oficinas pode ser moi diverso, desde a implementación de bases de datos para xestionar as relacións cos clientes, impulsar a tenda en liña ou ferramentas de ciberseguridade para pequenas empresas, ademais de informar das subvencións e axudas públicas das que se poden beneficia”, concluíu.
As Oficinas Acelera peme están sendo postas en marcha en toda España por Red.es entidade pública adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos con 23,8 millóns de euros, dos cales Red.es achega ata o 80% e as entidades beneficiarias o resto.
Comentarios (0)