Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Unidade Mixta de Investigación “Volta” traballa para obter baterías duradeiras para a electromobilidade



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 29 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Esta nova alianza entre o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim, con sede en Culleredo) e a industrial Ferroglobe con sede en Sabón -única produtora de silicio en España, fixo este xuño 50 anos-  conta cun orzamento de máis de 2 M€ ata 2025. O obxectivo: obter baterías de alta densidade enerxética baseadas, precisamente, no silicio.


Ferroglobe centraliza todas as actividades de I+D+i relacionadas con novas calidades e usos deste material e o Cetim conta cunha área de coñecemento especializada en novos materiais. Ambas colaboran xa desde 2020 no proxecto Eco-Smart BATT, focalizado en mellorar as baterías ión-litio. Agora, na unidade mixta Volta investigarán solucións electroquímicas baseadas en silicio co estudo de compostos sostibles principalmente en base a biocarbones procedentes de especies e residuos de alto impacto en Galicia. E con estratexias de recuperación doutros materiais de interese.

Ferroglobe investiu 2,2 millóns en 2022 en Arteixo. A produtora de silicio celebraba o pasado xuño o 50 aniversario da planta situada no polígono de Sabón, a única en España na que se produce este material desde 1972, cando se puxo en marcha como fábrica con capacidade para atender a demanda de silicio metal do mercado nacional. Hoxe a aplicación do material mutiplicouse en mercados de rápido crecemento, como o solar, o da automoción produtos de consumo, construción e enerxía en xeral. A

planta de Sabón iniciou as súas operacións da man do grupo francés Pechiney nunha primeira etapa, da sociedade Carburos Métálicos a partir dos anos oitenta e, finalmente, do Grupo Villar Mir desde os 1992, primeiro a través de Grupo Ferroatlántica e despois como Ferroglobe. Conta con tres fornos en funcionamento.

Unidades de traballo conxunto

Esta nova UMI súmase ás outras 54 unidades apoiadas polo Goberno galego desde a posta en marcha deste instrumento, no que teñen participado 39 empresas e 14 centros de coñecemento e mobilizado un investimento de case 155M€. A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participaron na xornada de presentación onte na Coruña. Esta unidade mixta, dotada con máis de 2 millóns de euros de orzamento ata 2025, alíñase coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia na medida en que potencia a competitividade do sector industrial galego avanzando ademais cara á fabricación intelixente coa implantación de tecnoloxías 4.0.

As unidades mixtas de investigación son un instrumento de cooperación entre organismos de investigación e o tecido empresarial para desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i e fomentar a transferencia ao tecido industrial e a atracción de empresas. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)