Un proxecto para tirar proveito das cunchas de mexillón que pode saír cara adiante
Diego Vázquez e Juan Carlos Moral, socios da startup Newmind Innovation - con sede no Barco de Valdeorras- están detrás do recén premiado "Economía Azul 4.0" que busca un material que poida substituír aceiro inoxidable ou mármore, pero saído do molusco. O cliente para o que traballaron di que porá en práctica a idea.
“A idea de presentarnos ao concurso non era a finalidade que traiamos, senón que foi a consecuencia a un traballo no que levabamos meses a pedimento dun cliente emprendedor, un dos principais actores dentro do ecosistema miticultor galego”, explican. E aínda así fíxoos merecedor de ser un dos dous gañadores do 5º Concurso Mares Circulares de Coca-Cola na modalidade start-ups.

O propósito era dobre: buscar unha solución aos residuos de cuncha exerar un beneficio ambiental e económico “porque non teñen que ser incompatibles”, explican. “Este foi o motivo polo que nos contrataron. Son esa clase de desafíos que nos motivan e que che obrigan a traballar en equipo”. Todos participaron activamente, “visitamos en varias ocasións a planta de produción onde se xeraba o residuo, buscamos bibliografía sobre o que se está facendo neste sentido, utilizamos técnicas de deseño de produto… ata que construímos un produto viable, que paulatinamente fomos perfilando ata que lle encaixou ao cliente, que está decidido a apostar no seu desenvolvemento comercial polo alto potencial que ve na solución”.
Son unhas 250.000 as toneladas anuais de mexillón que produce Galicia ao ano. O proxecto de Newmind céntrase en converter ese carbonato cálcico procedente da cocción nunha materia prima que se pode introducir de novo na cadea de valor.
Comentarios (0)