Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Facendo piña



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 23 DE DECEMBRO DE 2022 · (0)



Nove universidades europeas situadas nas chamadas rexións periféricas de Europa -entre elas a Universidade da Coruña-, únense en EMERGE (European Margins Engaging for Regional and Global Empowerment). A idea é poñer en marcha proxectos bilaterais e multilaterais e concorrer xuntas a convocatorias de financiamento. Pero hai máis.


A investigación en aberto, a creación de espazos de traballo colaborativo con estudantado, profesionais e posibles empregadores son tamén unha base fundamental da colaboración universidade-empresa que o consorcio ten intención de desenvolver. 

Aínda que cada universidade ten diferentes culturas, idiomas e programas educativos, traballarase por unha estratexia conxunta a longo prazo “coa finalidade de crear un cambio sistémico, estrutural e sustentable na forma en que operan”. Tamén queren facer ver a achega das institucións de ensino superior coa súa contorna socio-económica.

A xuntanza na irlandesa University of Limerick, a mediados deste mes, foi a primeira reunión persoal dos líderes dunhas universidades que contan conxuntamente con máis de 110.000 estudantes. Á cerimonia de compromiso seguiron tres días de traballo para desenvolver e planificar a estratexia a longo prazo do Consorcio. O reitor da UDC, Julio Abalde, subscribiu o acordo de creación desta alianza xunto cos outros reitores, a declaración de principios sobre os que se articula o consorcio formado por: Université de Rennes2 (Francia), Université de Bretagne Sud (Francia), University of Limerick (Irlanda), Democritus University of Thrace (Grecia), Europa-Universität Flensburg (Alemaña), Innland Norway University of Applied Sciences (Noruega), Univerzita Mateja Bela (Eslovaquia), Neapolis University Pafos (Chipre) e a Universidade da Coruña.

Un modelo diferente

Tamén na aprendizaxe e a investigación e no que participarán como actores principais o alumnado, o persoal e a comunidade en xeral. Queren reforzar un ensino colaborativo baseado en retos, e unha aprendizaxe plurilingüe para dar máis opcións de traballo aos egresados. No plano da formación iniciarán a posta en marcha das microcredenciais, a estruturación do coñecemento e as habilidades adquiridas polo alumnado ao longo da súa vida que se recoñecerá a través do pasaporte das linguas ou Europass. 

 

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)