Abre o novo Polo de Emprendemento e apoio ao emprego Rías Altas e Arco Ártabro
A oficina que hoxe se estrea é a quinta desta Rede. Está en Ferrol, no Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (CIS), e prestará asesoramento a 40 concellos da contorna. Estes espazos ata o de agora axudaron a desenvolver 91 proxectos a maior parte no eido de industrias manufactureiras (16%), agricultura, gandería, silvicultura e pesca (15%), e actividades artísticas e recreativas (15%).
O novo Polo prestará asesoramento na zona da Coruña, Ferrol, Eume, Betanzos e Ortegal, así como a Laracha, na comarca de Bergantiños. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu a inauguración nun acto no que xa se presentaron tres ideas de negocio vencelladas todas elas a súa contorna: Raíces de Auga, Suidade Deseño, Gallego e Great Memories events.

A Rede atende polo de agora en máis de 140 concellos de toda Galicia, cubrindo o 45% da comunidade. En palabras de Lorenzana “son unha rede de seguridade para impulsar unha forma de emprender ordenada”. Nela adecúanse as fases ou etapas do proceso emprendedor ás particularidades de cada proxecto para tentar casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social galega, dinamizar o mercado de traballo buscando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; e fixar poboación no territorio “porque se hai traballo hai futuro”.
Hai 43 iniciativas na fase de Emerxer, na que se traballa en definir a idea de negocio e en achegar un valor engadido; 16 na etapa de Explorar, na que se investiga o mercado da contorna para avaliar o interese que suscita o proxecto; e 25 plans na fase Executar, na que as persoas emprendedoras precisan apoio para mellorar desempeño comercial. Finalmente cinco iniciativas atópanse en Expandir na que xa se buscan novas liñas de negocio, así como ampliar o mercado.
Os polos xa en marcha son: Ourense Centro e Sur, en Verín; Pontevedra Norte e Rías Baixas, en Silleda; Costa da Morte, en Coristanco; e Lugo Sur, en Monforte; ao que se suma hoxe o de Rías Altas e Arco Ártabro de Ferrol. Pero dende a Xunta esperan que continúe crecendo en 2023 ata sumar 12 oficinas nas que se informará tamén dos recursos autonómicos dispoñibles para emprender.
Comentarios (0)