Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Colexio de Enxeñeiros Industriais entrega os V Premios Galicia de Industria



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 13 DE XUñO DE 2023 · (0)



Repsol, Navantia, Grupo Lence, a start up Dooroti, Agroamb Prodalt, o enxeñeiro industrial José Ramón Álvarez Arnau e a Autoridade Portuaria da Coruña serán distinguidos este venres 16 de xuño na V Noite da Industria, que será no Pazo da Ópera da Coruña. Nesta edición ponse o foco na transformación dixital, o respecto ao medio e a innovación. 


Hai seis categorías ás que se presentaron un total de 14 empresas. Nelas recoñécense as mellores traxectorias, o fomento e implantación de boas prácticas no campo da industria, e contribucións feitas por profesionais e entidades.

Repsol, recibirá o “Premio á mellor innovación industrial” polo Proxecto G-54. Complexo Industrial A Coruña; Navantia o “Premio á mellor actuación en industria conectada 4.0 transformación dixital” pola creación dun sistema dixital baseado nun xemelgo de planta; Agroamb Prodalt S.L. o “Premio á mellor actuación de sustentabilidade, socialmente responsable e medioambiente” por converter residuos en materias primas para elaborar abonos, fertilizantes sostibles como alternativa aos químicos; e Dooroti co “Premio á Startup Industrial con maior impacto ou crecemento” pola creación dunha rede colaborativa de prazas de aparcamento de alugueiro cando están libres en varias cidades galegas. 

Tamén será premiado o enxeñeiro industrial José Ramón Álvarez Arnau, galardoado pola “Mellor traxectoria profesional na industria e enxeñería” tras máis de 50 anos colexiado ao ICOIIG e cunha extensa vida profesional ao servizo da Administración do Estado, da empresa privada, da oficina técnica e ata da Administración de Xustiza como perito de parte e perito xudicial e da formación. Finalmente, o xurado outorgou dúas mencións: unha “Mención honorífica á Industria Galega” que recaeu no Grupo Lence por ter no seu ADN a innovación  a través da que ofrecer valor engadido á sociedade no seu conxunto e, en particular, ao sector industrial galego; e unha “Mención Especial” pola contribución ao desenvolvemento e implantación doutras iniciativas industriais á Autoridade Portuaria da Coruña pola súa actuación no proxecto “Porto exterior da Coruña: unha aposta de futuro da Coruña Green Port”.

 

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)