Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Free LitterAT, tres anos para tratar de conseguir costas libres de residuos



REDACCIóN · PUBLICADO O 26 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)



24 organizacións europeas traballarán na procura de solucións para reducir o lixo incidindo nas artes de pesca abandonadas e nos microplásticos. O consorcio está liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar -na imaxe parte do equipo- e formado por organizacións de España, Francia, Portugal e Irlanda coa participación do Intecmar, o Instituto Español de Oceanografía e a USC. O traballo terá como resultado novas guías e ferramentas.


Os manuais, os mapas de fontes e zonas de acumulación de lixo; os procedementos para detectar e retirar os aparellos pantasma ou os plans de acción para previr e reducir as redes perdidas e os microplásticos serán testados con accións piloto. E despois transferidos aos usuarios finais.

Cun orzamento que supera os 3,6 millóns de euros todos - incluindo 10 entidades asociadas - traballarán para dar continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos a través do proxecto europeo CleanAtlantic.  Free LitterAT pretende agora previr mellorando a xestión e a reciclaxe dos residuos da actividade pesqueira e portuaria, facilitando a aplicación das directivas de plásticos dun só uso e de instalacións portuarias de recepción de residuos.

Outra vertente do proxecto permitirá comprender a orixe, o transporte e o destino final do lixo mariño, mellorando ferramentas de vixiancia e a identificación das principais fontes, vías de entrada e zonas de acumulación de residuos. Paralelamente traballarase na retirada das artes de pesca perdidas ou abandonadas, na xestión do lixo pescado incidentalmente, na limpeza de praias en eventos de chegada masiva de macro e micro plásticos á costa e na remoción nas estacións de tratamento de augas residuais. Finalmente haberá accións piloto que permitirán testar os resultados e actividades de sensibilización.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)