Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pacientes de 82 nacionalidades pasaron polos hospitais do grupo HM en Santiago o pasado ano



REDACCIÓN · PUBLICADO O 27 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)



A maioría das persoas atendidas polo departamento de Paciente Internacional chegaron dos Estados Unidos. O segundo país con maior volume de persoas foi Irán, seguido de México, Colombia e A Arxentina. 


A maior parte dos pacientes que pasaron durante 2023 polo Servizo ‘International Patient’ de HM Hospitales en Santiago de Compostela pertencen a tres colectivos fundamentais: peregrinos, turistas e estudantes. "Aínda que existen perfís moi variados, máis do 80% dos pacientes deste servizo en Santiago pertencen a eses grupos. É a principal característica desta cidade fronte a outras como A Coruña, onde o perfil de pacientes é máis variado e hai maior presenza de traballadores que están na cidade de forma temporal", sinala Anabel Costa, responsable do devandito departamento.

Outra característica singular da capital galega é a especial relación que se estableceu con estudantes árabes e de América Latina, que están a facer doutoramentos e mestrados. "Aínda que veñen de culturas moi diferentes á nosa, están encantados coa atención que reciben aquí e acoden a nós ante calquera problema ou mesmo ante calquera dúbida, séntense moi seguros connosco, e iso é un orgullo", destaca a coordinadora do servizo.

A maioría de pacientes estranxeiros son peregrinos e turistas, pero segue crecendo o número de estudantes universitarios que, con cargo ao seu seguro de saúde internacional, son atendidos "tanto en casos de enfermidade como para as revisións médicas rutineiras. Non só atendemos urxencias ou problemas médicos puntuais, os estranxeiros que viven aquí non teñen médico de cabeceira, así que calquera consulta médica de Xinecoloxía, Uroloxía ou Pneumoloxía, por exemplo, pasa por nós", explica Anabel Costa, quen destaca a atención integral que se presta ao paciente no seu idioma, para o que contan con persoal propio e externo capaz de comunicarse en "practicamente calquera idioma". Deste xeito mellórase moito a atención médica e a confianza e tranquilidade do paciente. A iso contribúe tamén a axuda que ofrecen na xestión de trámites administrativos e sanitarios que require o paciente.

Atención integral as 24 horas do día

Aínda que a maior parte das consultas son por enfermidades leves ou revisións rutineiras, houbo casos de enfermidades máis graves, sobre todo traumatolóxicas. Neste sentido, durante 2023 rexistrouse un notable incremento das cirurxías traumatolóxicas a pacientes estranxeiros. Así mesmo, no último ano tamén se mantivo á alza a demanda de atención psicolóxica e psiquiátrica detectada xa no ano 2022. 

En 2023 pasaron os hospitais do grupo en Compostela atenderon pacientes de 82 nacionalidades. Un ano máis liderou en volume Os Estados Unidos, seguido de Irán, México, Colombia, A Arxentina, Australia, Italia, Alemaña e O Uruguai.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)