Clusaga abre as do mercado árabe a empresas galegas
Cabomar e Pistacyl participaron estes días nunha misión comercial aos Emiratos Árabes Unidos promovida no marco da terceira convocatoria de axudas do proxecto F2F Health Matters, unha aceleradora de internacionalización para pemes alimentarias da que Clusaga forma parte xunto a outros catro clústeres europeos.
Un dos obxectivos do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) é apoiar a entrada das empresas do sector alimentario galego en novos mercados internacionais. Nesta liña, vén de impulsar a participación de dúas pemes socias nunha misión comercial para empresas alimentarias europeas aos Emiratos Árabes Unidos, que tivo lugar entre o 14 e o 19 de febreiro. Cabomar e Pistacyl foron as entidades socias de Clusaga que viaxaron a Dubai, e fixérono da man dos cheques financeiros da derradeira convocatoria de axudas do proxecto europeo F2F Health Matters.
Unha delegación composta por dez pemes procedentes de España, Bélxica, Francia, Portugal e Eslovaquia, mantivo reunións con importadores, distribuidores e potenciais colaboradores; expuxo os seus productos nas instalacións de TTE Gulf Management Consultancy, a consultora responsable das axendas da misión, e levou a cabo visitas guiadas a supermercados e tendas especializadas para coñecer de primeira man o mercado árabe.
Asimesmo, durante a súa estadía, as pemes tiveron a oportunidade de participar en distintas actividades e eventos de networking, que permitiron fortalecer a relación entre elas e con outros grupos de interese nos Emiratos Árabes Unidos. Para rematar, visitaron Gulfood, a maior feira de Proemte Medio para a industria da alimentación e das bebidas.
Pemes galegas
Dúas socias de Clusaga participaron no evento. Unha delas é Cabomar, dedicada á fabricación e comercialización de produtos do mar, con ampla gama de conxelados, precociñados, frescos e refrixerados, acudiu a un total de cinco encontros con importadores e tres visitas guiadas, una axenda ao respecto da cal manifestaron “quedar moi satisfeitos”.
A outra, Pistacyl, é unha empresa innovadora e sostible dedicada ao cultivo e comercialización
de pistacho de produción ecolóxica, tivo na súa axenda catro reunións con importadores e tres
visitas a tendas. A este respecto, dende Pistacyl apostan polo éxito no mercado árabe da súa “crema de pistacho e chocolate branco sen azucres engadidos e a xelea de figo con pistacho".
Tres convocatorias a prol da internacionalización
Os Emiratos Árabes Unidos foron o terceiro destino seleccionado no marco do proxecto F2F Health Matters para orientar as súas convocatorias de axudas, tras dúas misións previas a Canadá e Xapón, que tiveron lugar en novembro de 2022 e xuño de 2023, respectivamente, e nas que participaron Quescrem, Real Conservera Española e YowUp!. Así, dende o inicio do proxecto, Clusaga ten impulsado a internacionalización de cinco das súas pemes socias a través de cheques de viaxe.
Do mesmo xeito que nas convocatorias previas, as empresas elixidas puideron participar no Elite Programme do proxecto nos meses anteriores á misión. Trátase dun programa de training e coaching personalizado e, nesta ocasión, adaptado ao mercado árabe, cuxo obxectivo foi preparar ás pemes beneficiarias, acelerando as súas capacidades de desenvolvemento empresarial nese territorio.
Comentarios (0)