Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O goberno galego non descarta expropiacións forzosas en catro municipios para que arrinque Altri



REDACCIóN · PUBLICADO O 22 DE MARZO DE 2024 · (0)



Malia que non desbota esta opción coida que “a primeira obriga da compañía é chegar a acordos voluntarios”. Alfonso Rueda ratificaba onte o apoio para que a promotora Greenfiber, participada por Altri e Greenalia, instale a macroplanta de celulosa e fibras téxtis en Palas de Rei; pero o BNG anuncia ofensiva en contra dun proxecto que ten unha lista de propietarios afectados en Melide e Santiso (A Coruña), Agolada (Pontevedra) e Palas de Rei (Lugo). Polo outro lado a fábrica crearía 2500 postos de traballo e outros 10.000 para a  construción.


A comezos de marzo saía a información pública do estudo de impacto ambiental da planta que centrará o groso das súas liñas na pasta de celulosa, en tanto o lyocell,fibra téxtil, representará un terzo da produción. A captación e vertedura de augas da industria, principal foco de polémica. 

Así as cousas e ante un ambinete enrarecido, a empresa cancelou as reunións informativas que tiña previstas onte pola tarde en Santiso, Agolada e Antas de Ulla, tras da reunión que celebrou pola mañá en Melide “pola actitude agresiva e en aumento de determinados colectivos”, dixo nun comunicado. 

Cando a instalación estea en pleno funcionamento, a capacidade produtiva será de 400.000 toneladas de celulosa e de 200.000 de lyocell. A materia prima será, como se esperaba, eucalipto globulus e nitens. Nun principio consumirá 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ao ano, e cando estea a pleno rendemento achegarase aos 2,4 millóns de metros cúbicos. A instalación ten previsto captar 46.000 metros cúbicos de auga cada día do encoro de Portodemouros, á altura de Agolada. Greenfiber defende que a vertedura de augas colocarase antes do punto de captación, o que posibilitará unha certa recirculación da auga vertida no proceso da planta, reducindo o impacto.

Xunto coa presentación do estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental, Greenfiber pediu a declaración de utilidade pública da instalación, o que permitiría executar expropiacións das terras precisas para completar planta e canalizacións.  Pero esta é unha das cuestións máis polémicas, a captación e vertedura de augas. Os veciños dos concellos afectados tachan de “oscurantista” o proceso e piden máis información. Desde Agolada, propietarios afectados emitiron uns comunicado días atrás cuestionando que non puidesen presentar alegacións ao proxecto e aseguran que o proxecto non foi exposto no Concello. E Adega insiste do impacto das verteduras  no río Ulla, cun posible efecto na economía marisqueira da ría de Arousa.

O BNG di non

A vicevoceira nacionalista Olalla Rodil no Parlamento dixo onte que “estamos diante dunha gran mentira que nada ten que ver co que se anunciou”. O BNG rexeita Altri porque di que  "é unha bomba ambiental que non queren en Portugal”, mentres o  presidente en funcións di rexeitar"opinións apriorísticas" e cargou contra os que "din sempre que non a calquera cousa que se poida facer". A d eonte foi de feito a primeira declaración negativa ao proxecto de Altri da directiva do partido nacionalista –ata o de agora opuxéronse en agrupacións locais– á espera da postura do PSOE, que tamén manifestou a súa negativa. Sen embargo, o pasado 10 de outubro 10 de outubro de 2023 Rueda saía satisfeito da súa xuntanza co ministro de Industria, Héctor Gómez. Falaron da necesidade de que o proxecto conte con financiamento de fondos europeos con axilidade e nun importe suficiente. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)