Renovables e minería, o núcleo da Lei de Recursos Naturais galega que será remitida en breve ao Parlamento
Estes proxectos industriais terán que ter un estudo de impacto socioeconómico independente da avaliación ambiental, valorando creación de emprego, mellora ambiental na contorna ou redución da factura enerxética aos consumidores locais. Tamén prevé a participación da Administración con sociedades mercantís e instrumentos financeiros tipo préstamos, garantías ou incentivos fiscais, así como introdución do canon á eólica mariña, cuxos beneficiarios serán os concellos onde estean os muiños e o sector pesqueiro.
O texto inclúe un fondo con achegas públicas e privadas para financiar actuacións de recuperación das zonas afectados por incendios, unha regulación específica para facilitar o autoconsumo nas áreas empresariais, a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono e un plan de valorización integral de residuos con alto potencial de biometanización. Tamén facilitar infraestruturas relacionadas coa mobilidade eléctrica.
O Consello da Xunta acordou hoxe retomar nesta nova lexislatura a tramitación do proxecto de Lei. "Aprobouse para remitila xa ao Parlamento", dixo Rueda esta mañá. A norma que busca reter na Comunidade o beneficio ambiental económico e social dos proxectos que impliquen a produción de enerxía renovable e as concesións de augas e minería,tivera xa o visto bo o 21 de decembro antes da publicación do decreto de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, polo que cómpre aprobala de novo para despois remitila ao Parlamento.
Durante a tramitación e tras da emisión dos distintos informes, chegaron propostas para mellorar a claridade e a precisión do texto, ademais de pulir garantías xurídicas.
Comentarios (0)