Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Tribunal de Xustiza da UE (TJUE) contradi ao TSXG e dá luz verde aos parques eólicos galegos paralizados



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 05 DE AGOSTO DE 2025 · (0)



Proxectos industriais de Alcoa, Cortizo, Endesa ou Reganosa quedaran en suspenso pola imposibilidade de asegurar electricidade renovable e estable. Foron anos de recursos e ameazas de fuga empresarial con 86 parques bloqueados, pero a xustiza europea vén de aplicar o principio de interese público superior recolleito na Directiva da UE. Ratifica que o modelo galego, que inclúe información pública simultánea nos trámites ambientais, é compatible coa lexislación europea.

Onte a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reuníase con representantes da Asociación Eólica de Galicia (EGA) para analizar o alcance da sentenza e pedirlle a TSXG que retome expedientes. 


Ambas as partes coincidiron en que “xa non hai ningunha xustificación para manter a parálise xudicial”. Ángeles Vázquez, e o presidente da Asociación Eólica de Galicia, José Manuel Pazo, afirman que o fallo garante a seguridade xurídica que demandaba o sector, que tiña 92 parques eólicos afectados por algún recurso xudicial en curso, dos que 86 estaban suspendidos. 

Segundo estimacións da patronal a paralización afectaba a investimentos por valor de 10.000 millóns de euros —4.200 vinculados a parques eólicos e 6.300 a 32 proxectos industriais— e á xeración de ata 22.000 empregos directos e indirectos. 

O pasado venres o (TJUE) dixo que si a empresas e Xunta - confirmación definitiva de que os procedementos de tramitación ambiental son legais e conformes ao dereito europeo -deixando sen base os recursos que mantiñan paralizados os parques. E onte, acompañada polo secretario xeral da Asesoría Xurídica da Xunta, Manuel Pillado, a secretaria xeral Técnica da consellería, Carmen Bouso, e a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, a conselleira  reuníase cuns máis ca aliviados representantes empresariais que esperan un cambio nas tornas.

A Xunta xa aprobou unha declaración de excepcionalidade para tramitar os parques eólicos Baro e Greco. Situados en espazos alleos ás áreas de desenvolvemento enerxético das provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense, serán os primeiros que xerarán beneficios  directos no territorio no que se levanten, de acordo coa Lei de Recursos Naturais que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro. As instalacións promovidas por Villar Mir Enerxía darán enerxía á planta de produción de silicio metálico do Grupo Ferroatlántica no polígono de Sabón (Arteixo).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)