Avícola Tratante xa está en mans do xigante brasileiro Global Eggs
A empresa agroalimentaria con base en Dozón (Pontevedra) fundada en 1969 polo sacerdote e empresario José Raúl Vázquez -á fronte ata fai nada- e provedora de Froiz, foi comprada por unha empresa que supera os 150 millóns de facturación en mans de O Rei do Ovo, que é como coñecen no país de orixe a Ricardo Faria, nultimillonario brasileiro propietario do emporio.
A filial española é Hevo, creada no 2022 e que con ésta xa fai a terceira compra que executa este ano nun proceso de medre imparable, como o prezo dos ovos.
No 2011 o fundador de Avícola Tratante, que sempre segui exercendo como sacerdote, recibiu un recoñecemento do sector polo seu labor. Coa empresa non só xerou traballo senón que arranxou igrexas e axudou a que tivesen bos accesos.
Comeza pois outra etapa para esta peme de preto de 50 empregados que viña facturando uns 13 millóns de euros.
HEVO Group naceu da unión de cinco grandes compañías avícolas Dagu, Ous Roig, Granja Agas, Avícola Larrabe, Granja Legaria e El Granjero. E agora chega a galega, unha das empresas máis importantes do sector, de feito posuidora do selo Galicia Calidade.
Con estas incorporacións o grupo español filial do gran brasileiro ten centros en Guadalajara, Cuenca, Tarragona, Navarra, Vizcaya e, dende hai uns días, Pontevedra.
Mentres, o prezo dos ovos alcanza máximos nunca vistos cunha subida do 22,5% nos últimos doce meses e un prezo en orixe que supera os tres euros por quilo, algo máis de 70 céntimos por riba do que custaba o ano pasado por estas datas. A subida nos supermercados, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), foi do 50% no últimos seis meses. E no sector hai quen apunta a que, salvo que a crise da gripe aviaria remita a curto prazo o prezo seguirá subindo.
Comentarios (0)