Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Superamos a produción láctea de Schleswig-Holstein, a histórica rexión láctea europea



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 09 DE DECEMBRO DE 2025 · (0)



Temos menos explotacións ca nunca pero máis grandes, colocáronnos este 2025 como a 9ª rexión europea en producir leite. Son datos do novo “Informe do sector lácteo 2025" da Fundación Juana de Vega, que anota: por primeira vez desde que hai rexistros o número de granxas de leite vacún en Galicia cae por baixo do 5.000 pero sen que se traduza en menos produción, medra. 

O que tira cara arriba é a demanda de procesados, xa que o consumo de leite líquido baixa: en España o consumo per cápita pasou de 95 litros en 2000 a 61,5 en 2024.


Moitas das explotacións que creceron en volume fixérono coa robotización do muxido,  e ampliación de superficie para a rotación de forraxes. As transformadoras tamén gañan en 2024 facturaron en conxunto 2.760 millóns de euros, un beneficio neto de 77 millóns.

Non é mal panorama a vista de águia pero hai asuntos a resolver moi comúns ao sector primario: pouca man de obra cualificada, dificultades para ampliar base territorial e o  peche de explotacións sen substitución xeracional. Estas sombras poderían limitar a capacidade de expansión que se beneficio dunha concentración  notable entre entre 2019 e 2023, a porcentaxe de granxas galegas con máis de 1.000 toneladas anuais de produción duplicouse -do 7 ao 14%- e xa producen máis da metade do leite galego. 

Prezos estables á alza, modernización das explotacións e unha estrutura produtiva que aproveitou a desaparición do sistema de cotas. Os datos do Ministerio de Agricultura de outubro de 2025 confirman unha lixeira recuperación do prezo percibido polo produtor en Galicia,  52,4 céntimos por litro, aínda así incomprensiblemente por baixo da media estatal. Os investigadores da Fundación Juana de Vega subliñan que a evolución de prezos é coherente coa fase de “axuste moderado e posterior estabilidade” que atravesa o mercado desde 2023, despois do “excepcional repunte” da crise enerxética asociado a estratexias xeopolíticas como o conflito ruso-ucraíno.

Galicia produce xa que logo 3,1 millóns de toneladas anuais -o 42% do total español-, un 20,9% máis que en 2013 e o dobre do avance rexistrado polo conxunto do Estado desde o fin das cotas lácteas. Estabilidade produtiva e unha base territorial ampla, manteñen o pulso produtivo, mentres o sector indistrial mellora a marxe sobre vendas do 2,1% ao 3,5% en apenas un ano. A redución do número de granxas, como se dixo, non implica menor capacidade produtiva, xa que vai acompañada de melloras de eficiencia, profesionalización, tecnificación do manexo e maior base territorial. 

 

 

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)