A terceira industria que máis leite recollerá en Galicia comeza andaina, CoRural, Corporación Rural Láctea
Hai tres días un estudo da Fundación Juana de Vega confirmaba que hai cada vez menos explotacións pero máis grandes e con maior produción. É a senda que segue un sector o que vé nacer antes de estrear 2026 a unión de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) e Grupo Leite Celta.
Un novo nome á espera da autorización preceptiva de Competencia baixo o cal se reunen 1.400 produtores de leite, 800 traballadores, oito plantas e marcas como Celta, Feiraco, Clesa e Únicla.
“CoRural dá resposta á demanda histórica do sector de crear un gran grupo lácteo en Galicia, e sempre sobre a base dunha cooperativa forte, do mesmo xeito que sucede nos grandes grupos lácteos europeos”, di Juan Gallástegui, director xeral de Clun. "Esta é unha oportunidade que o campo galego estaba a esperar".
Jose Ángel Blanco, presidente de Clun, asume a presidencia e Javier Bretón, director de Leite Celta, e Juan Gallástegui serán ose conselleiros delegados dunha entidade con sede social en Santiago.
“Xuntos seremos máis grandes e eficientes. Queremos optimizar os procesos de produción e diversificar produtos”, conta Javier Bretón. O texto do comunicado conxunto fala de que a unión chega “para para sumar recursos, colaborar e abordar de forma conxunta os retos do mercado”.
A base cooperativa de Clun e o percorrido industrial e comercial de Leite Celta (da portuguesa Lactogal) suma un volume de negocio, segundo a empresa, duns 600 millóns de euros. CoRural aspira a ser a terceira industria láctea que máis leite recolle en Galicia, por detrás de Lactalis e Capsafood. A primeira compra aquí o 16 % do leite que vende Galicia, e a segunda, o 11 %. Leite Celta ocupa o sexto posto nesa lista, co 5,8 %, e Clun o seguinte. En conxunto pasarían a adquirir ao redor do 10 % do total co que superarían a actividade de grupos como Río, Reni Picot, Inleit e Entrepinares.
Fabricantes para marcas brancas de supermercados como Carrefour, O Corte Inglés e Lidl, ambas as empresas protagonizan un movemento empresarial como resposta directa a un mercado cada vez máis concentrado.
Comentarios (0)