Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Repsol e a Autoridade Portuaria da Coruña presentan o acordo para completar o traslado ao Porto Exterior



REDACCION · PUBLICADO O 15 DE DECEMBRO DE 2025 · (0)



A Autoridade Portuaria da Coruña e Repsol alcanzaron un acordo para completar o traslado dos tráficos desde a dársena interior na Coruña ao porto exterior. O acordo recolle todos os detalles do traslado do resto das operacións de produtos e materias primas que actualmente se realizan nas instalacións de Repsol no porto interior, con concesión ata finais de 2027. O presidente de Repsol, Antonio Brufau, e o da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, subliñaron a importancia desta infraestrutura para a competitividade e a economía galega. En total, a compañía enerxética destinará máis de 260 millóns de €.


O presidente de Repsol, Antonio Brufau e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, reafirmaron hoxe o compromiso das dúas entidades coa Coruña e Arteixo durante a presentación do acordo para completar o traslado da terminal marítima ao Porto Exterior.
Ambos subliñaron a importancia desta infraestrutura para a competitividade e a economía de Galicia no acto celebrado esta mañá e no que tamén interviñeron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e a directora do Complexo Industrial coruñés, Natalia Barreiro.

Repsol investirá máis de 140 millóns de euros para levar a cabo esta segunda fase do traslado, que suporá modificacións tanto no Complexo Industrial como a ampliación das instalacións portuarias en Punta Langosteira (Arteixo). Este investimento engádese aos 126 millóns de euros da etapa inicial, polo que a compañía enerxética destinaría en total máis de 260 millóns ao traslado ao Porto Exterior.

O acordo recolle todos os detalles do traslado do resto das operacións de produtos e materias primas que actualmente se realizan nas instalacións de Repsol no Porto interior, con concesión ata finais de 2027. A concesión na dársena exterior –concedida por 35 anos na primeira fase– amplíase outros 15 anos. A ocupación total da compañía en Langosteira alcanzará 129.000 m2 entre superficie terrestre e lámina de auga.

O presidente de Repsol, Antonio Brufau, destacou que este proxecto “é unha decisión estratéxica que responde a un triplo compromiso de Repsol: primeiro, con Galicia; despois, con Arteixo e A Coruña, co seu dinamismo económico e o seu tecido empresarial e social e, en terceiro lugar, co impulso do sector industrial, exemplificado na refinería e en centenares de empresas auxiliares que nos apoian e dannos servizo”. Engadiu que “grazas a este entendemento público-privado, Punta Langosteira consolídase como un polo estratéxico para o presente e futuro industrial e enerxético de Galicia”. 

Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, agradeceu ao presidente de Repsol e a todo o equipo da compañía este compromiso co Porto Exterior, destacando que se trata de “unha dos maiores investimentos empresariais dos últimos anos en Galicia e constituirá unha panca de crecemento industrial e de innovación, polo que terá todo o apoio que poida precisar por parte da Autoridade Portuaria”. “Este acordo –engadiu- supón unha lombeirada ao traballo que vimos realizando en todos estes anos para situar ao Porto Exterior como un gran polo industrial. Langosteira xa é a primeira dársena de Galicia en volume de toneladas, unha posición que agora se verá reforzada cun proxecto que creará novas sinerxias e que estará aliñado co obxectivo de conformar un hub enerxético mediante o proxecto Green Port. Un proxecto, o Green Port, que consideramos estratéxico para Galicia e para o conxunto de España no ámbito da transición enerxética”.

En 2024, as mercadorías operadas por Repsol en ambas as dársenas alcanzaron os 10 millóns de toneladas, o que representa máis do 60% do tráfico do porto. Desta cifra, 4,2 millóns de toneladas xestionáronse no Porto interior.

Novas infraestruturas e equipamentos

O proxecto de novas infraestruturas e equipamentos no Porto Exterior e no Complexo Industrial suporá un investimento global de 140 millóns de euros e marcará un salto cualitativo na capacidade operativa das instalacións. As actuacións previstas inclúen modificacións no complexo industrial, cun orzamento de 30 millóns de euros, así como a ampliación e instalación de novas infraestruturas portuarias, ás que se destinarán 110 millóns.

Unha das intervencións centrais será a ampliación do pantalán construído na primeira fase, coñecido como fronte 1, que na actualidade se utiliza para a descarga de cru. Cun investimento de 10 millóns de euros, esta segunda fase permitirá estender as instalacións existentes para facer posible a transferencia de carga e descarga de novas materias primas e produtos. Para iso, incorporaranse dous novos brazos de carga, un sistema de drenaxe con bombeo e unha área específica para sistemas robóticos de seguridade.

O proxecto contempla tamén a construción dunha nova fronte de atracada, a fronte 2, situada no peirao comercial A3. Esta nova infraestrutura contará cunha superficie próxima aos 6.000 metros cadrados e estará preparada para a atracada de buques con capacidades comprendidas entre as 3.000 e as 50.000 toneladas de peso morto. A Autoridade Portuaria asumirá a execución da obra mariña e a ampliación do peirao existente, mentres que Repsol investirá 25 millóns de euros para dotar as instalacións de brazos de carga e descarga, sistemas de control e seguridade e espazos destinados ao persoal de operación.

No marco destas actuacións, Repsol ampliará tamén a superficie do sistema de bombeo actual con 3.700 metros cadrados adicionais e reforzará as instalacións con novas bombas de impulsión. Estas contarán cunha potencia conxunta instalada superior aos 3.000 quilovatios e permitirán a trasfega eficiente de produtos e materias primas entre o Porto Exterior e as instalacións industriais.

Outra das actuacións previstas é a interconexión coa rede interna do Porto Exterior, que enlazará tanto a ampliación da fronte 1 no pantalán actual como a nova fronte 2 coa área do sistema de bombeo. Este proceso implicará a instalación de diversas conexións interiores para a trasfega de produtos e materias primas, cun despregamento de máis de 15 quilómetros de tubaxes.

Ademais, o proxecto deixa aberta a posibilidade de aprobar nunha fase posterior unha terceira fronte de atracada, a fronte 3, situada no lado sur do pantalán actual de Repsol. Esta futura ampliación permitiría a atracada de buques de entre 8.000 e 80.000 toneladas de peso morto, reforzando aínda máis a capacidade loxística e operativa do porto.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)