A Xunta destina máis de 125M€ a xestionar o crecemento sostido do turismo en 2026
Galicia pon rumbo ao Xacobeo 2027 cun plan turístico destinado a modernizar o sector, mellorar a eficiencia enerxética, aumentar a capacidade aloxativa e reforzar o Camiño de Santiago, ao tempo que impulsa a proxección internacional da comunidade de cara ao ano santo.
A Xunta comeza a súa peregrinación cara o Xacobeo 2027. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu no Parlamento para presentar os orzamentos e as liñas de actuación do seu departamento para o vindeiro ano, que superan os 125 millóns de euros. Segundo destacou, estas partidas permitirán “afrontar o crecemento sostido da demanda turística e prepararnos para o Xacobeo 2027”.
O obxectivo é avanzar na modernización e formación do sector, con medidas concretas para mellorar a eficiencia enerxética e para aumentar a capacidade aloxativa da comunidade con novos establecementos e tamén con novas infraestruturas para impartir formación práctica e de calidade. O plan inclúe o reforzo da internacionalización en mercados estratéxicos e a mellora da monitorización do destino.
Merelles tamén fixo fincapé na proximidade de dous anos santos nun quinquenio, 2027 e 2032, e a súa importancia estratéxica para a economía galega e a proxección do destino a longo prazo. “Buscamos que esta celebración cre unha base sólida de promoción de Galicia para o crecemento sostible a todos os niveis e que consolide a imaxe internacional da comunidade como un destino auténtico e innovador”, afirmou.
En termos orzamentarios, Xosé Merelles salientou as contas do seu departamento para 2026 que supón máis de 125 millóns de euros,o que se traduce nunha merma do 14,17% debido ao peche de ciclo dos fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que “xa foron executados a tempo cumprindo cos prazos marcados pola Unión Europea”. Non obstante, o fondo propio de Turismo de Galicia experimenta unha subida de máis de 7M€, ata superar os 104M€, que “fala do compromiso do Goberno galego co turismo en Galicia como parte fundamental do noso presente e do noso futuro”, afirmou.
Marca país. O director de Turismo de Galicia tamén se referiu á importancia de tres entidades adscritas a ese departamento: Galicia Calidade, a Sociedade de Xestión do Xacobeo e o Centro Superior de Hostalería de Galicia. Deste último subliñou que acadou un dos mellores datos de matriculación da súa historia, con 290 alumnos en formación. Para 2026 está prevista a posta en marcha do novo Gastrohub de Formación e dun programa de competencias dixitais.
Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística revelan 6 millóns de persoas aloxadas no que vai de ano en establecementos galegos. A rendibilidade do sector tamén medra un 5,4%. “Esta é a tendencia que queremos manter en 2026”, concluíu, confiando en seguir impulsando o desenvolvemento económico da comunidade.
Seguridade viaria no Camiño
Os orzamentos contemplan iniciativas de éxito como os Concertos do Xacobeo que durante 2025 incluíron 188 eventos en máis de 76 localidades de toda Galicia. Por outra banda, tamén se avanzará no Plan de Seguridade Viaria no Camiño de Santiago, que contempla o desdobre dos tramos do Camiño para que discorran de forma paralela ás estradas, evitando que os peregrinos e peóns camiñen pola beiravía. Será en 2026 cando se executen as obras para que estean rematadas para o Xacobeo 2027.
Tamén neste capítulo, desenvolverase un plan especial de promoción do Xacobeo 2027, dinamizando a programación previa arredor da cultura xacobea con 3 millóns de euros para financiar actividades culturais, deportivas, turísticas e de promoción relacionadas co evento. Ademais, lanzarase unha nova liña de axudas para o embelecemento e mellora paisaxística no Camiño de Santiago.
Comentarios (0)