Os investimentos que, segundo a CEG, perigan ou deixarán de vir a Galicia pola falta dunha rede eléctrica fiable
A Confederación de Empresarios de Galicia asegura que o marco retributivo das redes eléctricas “non ofrece seguridade nin rendibilidade para acometer os investimentos que require”. A saturación pola insuficiente inversion nelas frea novos proxectos industriais, "o marco regulatorio non incentiva”. Proxectos “vinculados á automoción, cadea forestal-madeira, industria agroalimentaria, hidróxeno verde e renovables” poderían perderse. Ademais, de actividades intensivas en consumo eléctrico como centros de datos ou novas plantas de transformación.
O contexto: a CNMC imporá o seu modelo ás enerxéticas para modernizar a rede, o que non é ben recibido.
As condicións nas que se moverán os investimentos na nosa rede o próximos seis anos determinarán o horizonte da nosa saturada rede eléctrica. O novo marco que será aplicado entre 2026-2031 foi decidido pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia -malia que dividida- pero está lonxe do que pide o sector. A taxa será do 6,58%, por debaixo de ata o 7,5% esixido polas compañías en liña con outros mercados europeos, inferior á de países como Reino Unido (8%) ou Portugal (7,4%).
O pleno do consello de administración da CNMC aprobaba este pasado luns 22 de decembro in extremis as catro circulares sobre a retribución das redes eléctricas unha das cales, a relativa á nova metodoloxía de cálculo da retribución da distribución, foi tombada a semana pasada polo Consello de Estado por vulnerar a Lei do Sector Eléctrico.
A CEG pide á CNMC “que reflexione e teña en conta que é fundamental un marco retributivo estable aliñado coa planificación enerxética do Ministerio, especialmente no relativo aos investimentos asociados a crecemento de potencia. É crucial evitar que parte dos proxectos de electrificación da industria, plans urbanísticos e puntos de recarga previstos queden no tinteiro pola imposibilidade de cubrir o custo da rede necesaria”.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, critica tamén a “incoherencia e a falta de homoxeneidade nos criterios de retribución das redes” en comparación con outros países europeos. “A resposta do Goberno e dos organismos reguladores é clave para que Galicia poida consolidarse como un polo industrial e enerxético competitivo. Sen unha resposta clara do regulador e do Goberno, os investimentos acabarán desprazándose".
É sabido que somos das comunidades con maior capacidade de xeración eléctrica do país, cun peso moi relevante das renovables, que representan en torno ao 70 %. Galicia é exportadora neta de enerxía ao resto do sistema. Con todo, a rede de transporte e distribución impide aproveitar plenamente ese potencial. Enfrontámonos a pescozos de botella polo que desde a Comisión de Enerxía da CEG urxen a reforzar e modernizar esas redes de transporte e distribución para evitar que proxectos industriais e enerxéticos con investimentos de centos de millóns de euros, marchen ou xa nin intente vir aquí, perdéndose polo camiño miles de empregos directos e indirectos, especialmente en áreas industriais e rurais.
Comentarios (0)