A viguesa Delikia xa é unha das catro grandes do sector operador de "vending" en España
E faino xunto á ferrolá Madelven, Valencia Vending e a asturiana ETN Vending, nun mercado que supera os 2.450 millóns de euros anuais en España.
Delikia, dirixida por Manuel Quelle, un dos fundadores, superou en 2025 a facturación prepandemia ingresando máis de 70 millóns e con 15.000 puntos de venda malia o contexto: subida de prezos de café e cacao, e normativas cada vez máis esixentes en sustentabilidade e desperdicio alimentario.
Tras incorporar como clientes as residencias de DomusVi e os centros de Janssen, GE Vernova, Hefame ou Serviform, a compañía crece en volume de negocio un 20,4% sobre o ano 2024. Na nova etapa liderada por Manuel Quelle, CEO da firma desde hai ano e medio e un dos tres socios fundadores xunto a José Antonio Vázquez e José Manuel Pallares, Delikia aspira a chegar aos 100 millóns de euros en 2028.
Con máis de 500 profesionais en toda España, aumenta tanto ingresos (+20,4%) como puntos de venda (+16%).
Ademais de en territorio galego venden en Barcelona, Madrid, Valencia, Vitoria, Sevilla ou Mallorca, onde se localizan as delegacións principais, e noutros puntos como Gran Canaria, Tenerife, Murcia, Alacante, Tarragona, Córdoba, Xixón, Huelva, Cádiz, Mérida e Toledo. Tamén ampliaron equipos coa incorporación de novos perfís como o de director de proxectos. E estableceu un plan de incentivos.
Un dos seus grandes contratos gañouno en Valencia, onde as máquinas estarán nos hospitais tras a adxudicación dun contrato da Consellería de Sanidade da Generalitat que levou a un recurso de Vending Levante ante o O Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana, que vén de perder; condenou á firma local ao pago de 2.000 euros en costas, e apoia a adxudicación do lote dous á empresa galega.
En maio de 2024 a consellería de Sanidade da Generalitat publicara a convocatoria de licitación do contrato, dividido en seis lotes para o que se estimaba un valor de case 2,1 millóns de euros. Maxelga 93, a sociedade detrás do negocio de Delikia, resultou adxudicataria de dúas. Vending Levante, outra das empresas que tamén obtivo un dos contratos, considerou que Delkia non cumpría un dos requisitos establecidos no prego de “polo que debeu ser excluída”. Con todo, os tribunais non lle deron a razón.
Comentarios (0)