"China moderna", a visión de Xulio Ríos
"A modernización de China que lidera o Partido Comunista é máis un proxecto histórico e cultural ca ideolóxico. Trátase de pechar o capítulo da decadencia iniciada hai dous séculos situando a China no epicentro internacional", asegura o director de IGADI e colaborador de ECO na súa última obra.
Ao longo das súas duascentas páxinas, Ríos aborda os aspectos políticos, económicos, culturais e sociais afondando nas claves históricas. E conclúe que o Partido Comunista chinés configura a primeira “dinastía orgánica” da súa historia, de forma que os seus máis de oitenta millóns de membros supoñen a actualización do vello mandarinato que durante séculos gobernou o vello Imperio do Centro.

Ideoloxicamente, os comunistas chineses son eclécticos. Ao pensamento partidario forxado durante o maoísmo e a reforma suman o pensamento occidental (marxismo pero tamén liberalismo) e igualmente o pensamento tradicional, tan denostado noutras épocas. "Onde os occidentais observan un galimatías pletórico de contradicións, os chineses enxalzan a unidade dos contrarios primando unha cousa ou outra en función das demandas dunha conxuntura concreta", asegura Xulio. Na China de hoxe, debedora do mercado e da propiedade privada, podemos recoñecer tamén o alargado peso da economía planificada e da propiedade pública, de forma que o Partido Comunista detenta aínda poderosos resortes . "É máis, pese ao profundamento da reforma, o Partido non se imaxina renunciar ao control da economía e manterao non só a través do seu imperio normativo senón dispoñendo as súas organizacións nos segmentos do poder económico -tamén privado- e configurando a súa propia base de actuación nos sectores estratéxicos", explica o experto galego que dirixe o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional no que existe un Obervatorio da Política China.
A clave do futuro é a preservación da soberanía nacional, a súa capacidade para evitar caer nas redes de dependencia do mundo occidental, preservando un proxecto autónomo. "No global, o reto máis delicado é o engarce pendente co sistema financeiro internacional, un proceso en curso que China aspira a lidar con éxito reducindo a vulnerabilidade. Ese proxecto nacionalista ten no político desafíos territoriais importantes, xa falemos das nacionalidades minoritarias ou Taiwan".
Política exterior
Xulio recoñece contradicións importantes que veñen ditadas por un aumento das súas necesidades estratéxicas ou polo novidoso feito de que por primeira vez o presente e o futuro do xigante asiático depende en gran medida da súa presenza e proxección exterior. "A economía seguirá sendo a punta de lanza da estratexia internacional pero as súas necesidades poden cristalizar en cambios significativos da súa tradicional política".
Socialmente, China debe facer fronte a importantes desafíos. Avanzou moito na redución da pobreza pero a mellora xeral dos dereitos humanos é tarefa pendente. E os retos ambientais son xigantescos e requirirán grandes esforzos durante moitas décadas como tamén a preservación de certa xustiza social, o combate da corrupción ou a superación dos desequilibrios territoriais. "China acariña o soño de afirmar a recuperación da grandeza de outrora. Conforme aumenta o seu poder, progresa tamén o seu propósito de excepcionalidade" trazando os límites dun camiño propio que Xulio Ríos debuxa con orixinalidade e destreza nunha síntese que o profesor Romer Cornejo, do Colexio de México, non dubida en cualificar de "brillante e precisa". "China Moderna” abre a nova colección “Una inmersión rápida” de Tibidabo Edicións.
Comentarios (0)