A nova lei hipotecaria, máis favorable aos intereses do comprador
Este ciclo inmobiliario carecía de normas acordes ás novas regras do mercado pero o goberno está a preparar a reforma hipotecaria co apoio de organismos como a Axencia Estatal de Defensa do Consumidor. Tal e como se desenvolve a nova lei, antes da firma do contrato o banco terá que proporcionar toda a documentación, como a ficha co contido das cláusulas.
Outra novidade é que a revisión desta documentación farase ante notario e que serán necesarias dúas visitas para resolver a compravenda dun inmoble. A primeira visita será gratuíta e teranse que resolver todas as dúbidas previas á firma do contrato.

Na segunda visita ao notario deberase de informar acerca das cláusulas abusivas se as houbese, ademais de quedar prohibida a venda de produtos vinculados á hipoteca por parte da vivenda, salvo que sexan beneficiosos para o cliente.
De momento, trátase dun borrador, o anteproxecto do que será a Lei Reguladora dos Contratos Hipotecarios de Crédito Inmobiliario, cuxo fundamento é garantir a transparencia do contrato e a seguridade xurídica. “A obriga de ter que visitar dúas veces ao notario antes da firma do contrato, ofrece ao futuro comprador maior transparencia cara ás cláusulas do contrato, así como maior seguridade”, afirma Luís Gualtieri, Fundador de Oi Realtor, que engade: “a nova lei que entrará en vigor previsiblemente no outono permitirá a moitos dar o paso e adquirir unha vivenda podendo ter un contrato hipotecario ético”.
O certo é que o sector inmobiliario está a protagonizar unha época de crecemento nunca visto nos últimos 10 anos tras o crack, a venda de vivendas aumentou un 13% no primeiro semestre de 2017 segundo o Instituto Nacional de Estatística. E os indicadores denotan que este crecemento manterase nos próximos anos pero cunhas normas máis xustas para todos.
Comentarios (0)